Skip to Content

EXPOSICIÓN EN CONMEMORACIÓN DO 8M, 8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.

O 8M trátase dunha reivindicación dos dereitos das mulleres. De todas as mulleres. O obxectivo é sensibilizar á sociedade e potenciar a igualdade real de xénero. Así, reclámase a redución das desigualdades de xénero.

As orixes deste día datan de 1910, cando un grupo de mulleres de 17 países reuníronse en Dinamarca con dous motivos: fortalecer o avance na igualdade de xénero e a defensa dos dereitos das mulleres e impulsar a universalidade do voto feminino.

O EDLG e Bibliomoas, coa colaboración de diferentes mulleres da nosa comunidade educativa (profesoras, alumnas, persoal non docente...)  decidiron que a súa habitual homenaxe ás mulleres traballadoras no 8M ía xirar neste curso 2023-2024 arredor de personaxes femininas da Banda Deseñada ou da ilustración, o que lles serviu tamén para conmemorar o Día da Banda Deseñada, o 18 de marzo. 

O resultado foi unha exposición ben comiqueira que estivo exposta durante o mes de marzo no vestíbulo de entrada ao instituto para que toda a comunidade educativa poida coñecer varias figuras feministas e empoderadas que transitan e transitaron con forza nas páxinas dos cómic.

En palabras das nosas compañeiras do EDLG e da Biblioteca:

Seguindo con esta sentida iniciativa que a comunidade educativa do IES Monte das Moas leva a cabo dende o ano 2014, dámoslle voz esta vez a marabillosas personaxes femininas de banda deseñada, ben personaxes ficticias, ben mulleres reais que se converteron en personaxes de cómic. Trátase de personaxes da banda deseñada máis feminista, empoderadas ou mulleres reais retratadas nas BD que dende diferentes eidos desenvolveron e realizaron traballos importantes e que deixaron pegada ou abriron camiños inexplorados ata ese momento. A día de hoxe aínda teñen que demostrar a súa valía, de aí a importancia de poñerlles cara, mesmo ilustrada.

Demos paso pois ás figuras relevantes homenaxeadas neste Día da Muller de 2024 no que queremos amosar a súa relevancia e fortaleza desde o mundo da banda deseñada ou da ilustración.

Os cómics feministas están de máxima actualidade. O feminismo e a loita pola igualdade entre homes e mulleres é un asunto que non pasa desapercibido no mundo da banda deseñada. Desde que comezamos a ter uso de razón afacémonos a que todo heroe masculino ten o seu homónimo feminino. Spiderman/Spiderwoman; Hulk/Hulka; Batman/Batwoman; Superman/Supergirl, e un longo etc. Este fenómeno é complicado velo como un progreso social do feminismo, máis cando os seus intereses son exclusivamente comerciais. Cando lemos a Hulka ou a Capitá Marvel, non falamos por tanto de cómics feministas en sentido estrito.

Con todo, nas últimos décadas si que estamos a asistir á xeralización da muller no mundo do cómic, tanto no proceso de creación do mesmo, como na temática. Por iso queremos recomendar unha serie de lecturas que consideramos indispensables para comprender a loita feminista. Novelas gráficas debuxadas por homes ou mulleres, pero onde as verdadeiras protagonistas das historias son as propias mulleres ou cómics feministas no seu sentido máis amplo.

Aquí tedes algunhas fotografías sobre a exposición:



page | by Dr. Radut