Skip to Content

CEN ANOS DAS MIRADAS DE ISAAC

Cen anos das “Miradas de Isaac”

A Cidade da Cultura de Santiago conmemora o centenario do nacemento do fundador de Sargadelos coa exposición “As miradas de Isaac”, título que fai referencia aos ollos tan característicos que representaba o artista nos seus cadros.

Isaac Díaz Pardo non tivo unha vida sinxela, pero conseguiu superar todas as dificultades coa súa admirable teimosía e o seu amor a Galicia.  De pequeno traballaba no taller de artes gráficas que seu pai, Camilo Díaz Baliño, tiña en Santiago de Compostela. Algúns dos carteis que alí se deseñaron serviron de propaganda a prol do Estatuto de Autonomía, con debuxos de Castelao ou do mesmo Camilo. Ao estoupar a Guerra Civil, o pai foi fusilado e Isaac tivo que agocharse durante seis meses na casa duns tíos na Coruña. Pouco despois tamén morreu a nai, de maneira que Isaac tivo que tirar para diante só.

Unha das máis importantes creacións de Isaac, quen tamén soubemos que foi creador do cómic galego, foi a reconstrución da fábrica de cerámicas de Sargadelos. Todos coñecemos esas vaixelas brancas e azul cobalto que levan o selo de Galicia nos seus deseños tan xenuínos.

Na exposición do Gaiás, que o alumnado de 2º e ESO do IES Miraflores tivemos a oportunidade de visitar virtualmente coa guía de dous monitores, puidemos ver as fábricas e procesos de fabricación das cerámicas; coñecer datos como cantas mulleres traballaban na fábrica ou as materias primas utilizadas, entre outras moitas cousas interesantes.

A exposición, que contou coa colaboración dos fillos de Isaac para a súa organización, leva aberta dende novembro e continuará ata finais de maio. Tamén se pode acceder virtualmente á sala do Museo a través da web da Cidade da Cultura. Na nosa opinión, merece a pena gastar unha hora na vida para coñecer mellor a un xenio como ISAAC DÍAZ PARDO.

 

Bruno Ferreiro Calvo

Javier Estébanez Santos

2ºESO A

 



story | by Dr. Radut