Skip to Content

TERTULIA CON PEPE CARBALLUDE 17 de marzo de 2021

    

O 17  de marzo, recibimos no IES Miraflores a visita de Pepe Carballude.

Era unha presenza esperada  porque nela, reflexionariamos e compartiriamos entre todas e con el, a súa traxectoria literaria, á que lle tíñamos dedicado unha parte do club de lecturas para adultos, neste caso para adultas, que estamos levando a cabo na biblioteca do instituto.

A presenza de Pepe, como nós, familiarmente , o tratamos e coñecemos, foi agradable á par que interesante.

Fixemos un percorrido pola súa obra literaria que, á vez, é un percorrido pola súa vida. Vida dedicada ao ensino , á escritura e á incansable defensa da arte galega.

Descubriunos que, é un gran contador de historias , historias que nos foi debullando ao longo de case dúas horas.

 

Pouco a pouco foi falando da orixe de cada unha das súas novelas e tamén dos premiados contos para nenos.

De cada lugar, de cada anécdota, de cada noticia, é quen de ir fiando unha trama. 

Nelas aparecen ante nós a profunda sabedoría popular dos grandes facedores de historias, como os xograres nas prazas ou como os maiores das familias ao carón do lume, nas noites de inverno.

Pasaron ante nós as primeiras obras, escritas para as crianzas, con claras referencias familiares: “Andrea quere ser maior”, “Os enredos de Olalla”, “Mimos e máis mimos”, as obras de temas tradicionais galegos, coa importancia da tradición oral:“ “Os Gazafellos”, “Fraga misteriosa”; a literatura de sátira social “A historia do home can ”, “De como o santo dos croques se fai peregrino”. Mergullounos nos anos da experiencia cultural da 2ª República.

De seguido afondou nos temas de actualidade, de misterio e policíaca: “Investigación 091”, “Paisaxe con fondo gris” e achegounos aos problemas sociais coa novela “Marxinados” .

E, finalmente, tivemos a enorme sorte de ter a primicia da “Pintora Libertaria”, novela que retrata, a través dunha trama ben traída e de plena actualidade, a traxectoria da pintora galega Maruxa Mallo.

En definitiva, foron dúas horas de conversa fluída nas que , Pepe, o gran contador de historias, volveu ser o gran na tertulia literaria do IES Miraflores 

Moitas grazas Pepe

 

Pepe deixounos as seguintes palabras que recollemos a continuación:

O pasado 17 de marzo tiven unha xuntanza no IES Miraflores de Oleiros cun grupo de profesoras, para falar da miña obra. Certamente foi unha reunión entrañable non só por volver ó centro onde impartín clase durante algúns anos, senón tamén por falar dos meus libros con amigos. Dicía García Márquez que el escribía para facer felices os amigos. É certo. Os éxitos, compartidos cos amigos, parece que se agrandan, que tornan familiares. Velaí o importantes que son os amigos. E neste caso fórono. 

Ó longo de máis dunha hora fixemos unha viaxe diacrónica sobre a miña vida e tamén sobre os libros que escribín ó longo de case corenta anos. Vida e Libros. Sempre van xuntos, coma unha parella ben levada. Os libros nacen da vida ou das experiencias que nela se producen. Non creo na fantasía pura, sen base real. Acredito máis na imaxinación que parte de feitos reais. De todo isto tratamos neste encontro de colegas.

Unha presentación, feita pola profesora Concha Castro, serviu de pretexto para meternos no tema literario e na miña vida. Deseguido varias profesoras interviñeron, unhas veces para dicir cal fora o primeiro libro meu que leran, e outras veces para comentar diversos aspectos sobre os temas que estabamos a tratar. Analizamos a temática de case todos os libros, algúns xa descatalogados e outros acabados de saír do prelo, como A pintora libertaria e tamén de novos proxectos e do proceso creativo.

En fin, foi un acto moi bonito, íntimo, agarimoso, que sempre recordarei. Por iso lles estou moi agradecido a este entusiasta grupo de profesoras do IES Miraflores. Un desexo: oxalá a próxima vez tamén veñan profesores, homes. Anímovos. Unha forte aperta.

Pepe Carballude

 



page | by Dr. Radut