Club de lectura 1ºESO - Cartas de inverno
A primeiros de outubro comezou o Club de lectura de 1 ESO: elixir o libro do trimestre entre varios. O libro seleccionado foi o de Agustín Fernández paz Cartas de inverno. Parece que a proximidade do Samaín os decantou por un libro de misterio do máis alá!
A novidade deste club é que unha alumna, e non unha profesora, Mar de 4 ESO, era a mediadora. Lera os tres libros entre os se facía a elección no club de 1 ESO no que participara ela e fora unha das alumnas que participara no X Aniversario dos Clubs de lectura, en Santiago.
Recollemos as palabras de Mar:
Na miña opinión o Club de lectura ten os seus puntos bos e os seus puntos malos, pero gustaríame centrar sobre todo nas cousas que poden mellorar, para que así o próximo ano lles agrade o máximo posible aos nenos, non tan nenos. Polo que puiden observar o máis importante é captar a atención dos compañeiros e compañeiras na reunión, teñen que ter protagonismo. Este ano os alumnos máis novos non estaban moi inspirados e só asistiron uns poucos, dentro do que cabe seguen sendo pequenos, e por iso creo que sería bo darlles algún tipo de motivación.
Sería un gran punto que os propios alumnos e alumnas poidan elixir os libros, ou polo menos o tipo de historia ou xénero, para que así se poidan sentir máis identificados e se divirtan máis.
Dentro do propio Club de lectura, poderíanse facer actividades de narración nas que poidan expresarse e dar as súas propias opinións, ou mesmo que poidan facer algo de ilustración semellante aos debuxos que se fixeron anos atrás.
Non é o mesmo que o Club o dirixa unha profesora ca unha alumna. Se é unha profesora quen manexa a actividade, non creo que sintan igual de cómodos falando; creo que é mellor que se ocupe algún alumno dun curso un pouco máis avanzado que sexa responsable e lle guste ler, xa que creo que así se sentirían máis identificados e non lles dará tanta vergoña falar e expresarse. O único problema que tería isto sería ver a maneira de conseguir un mínimo de respecto para que teña o control, pero sen chegar á distancia que se ten cun profesor. Por exemplo a min tíñanme un pouco de respecto por ser máis maior que eles, pero resultábame moi incómodo sentarme na mesa do profesor, porque é máis grande e máis cómoda cá deles e iso como que xa me puña nunha posición superior e gustaríame máis poder relacionarme con eles como iguais.
Gustaríame moito saber que se vai a facer o ano que vén e encantaríame poder axudar en algo para ver se conseguimos captar a atención de novos lectores.
Mar Velazquez