Viaxando pola noite
No IES Miraflores quixemos este ano facerlle unha homenaxe a Xabier P. Docampo, que tanto se preocupou e ocupou da boa literatura xuvenil galega. O venres antes das vacacións de Semana Santa, o alumnado de 1ESO asistiu á representación de Viaxando pola noite, actividade proposta pola Rede de Bibliotecas Municipais. O actor coruñés Ramiro Neira deulle voz a varias historias escritas por Xabier P. Docampo no libro Cando petan na porta pola noite, libro do que os rapaces e rapazas leran con anterioridade o prólogo e un anaco do Cumpremortes, conto para o que inventaron un desenlace. Ramiro Neira faloulles de Xabier P. Docampo, a quen coñeceu persoalmente, e destacou que era fascinante escoitalo contar historias. Na foto, Ramiro posa con nós e co cartel que fixemos para lembrar a Xabier.