III CONGRESO NOSA
Ao fin todo chega e, aínda que parecía que non, tamén o 11 de febreiro: o día internacional da muller e a nena na ciencia, a data escollida para a celebración do III Congreso NOSA, no que participaron máis de 360 alumnos e alumnas dos seis institutos que forman a Axencia Espacial Escolar Galega.
A organización correspondeulle, este curso, ao IES Miraflores de Oleiros e 30 alumnas e alumnos de 3º e 4º da ESO foron os encargados de facelo posible: recepción de participantes e entrega de acreditacións, presentación, técnicos de son, imaxe, iluminación, etc...
Ademais o IES Miraflores contribuíu no congreso con:
- 2 relatorios científicos a cargo do alumnado de 4º ESO de Bioloxía e TIC II e Tecnoloxía Indutrial II de 2º de Bacharelato
- presentación da páxina web nosa.gal, elaborada polo alumnado de TIC II
- participación na mesa de obxectivos
- presentación do tráiler da MarumaSat IV, elaborado tamén por alumnos de TIC II.
As profesoras que coordinamos a actividade agradecemos ao Concello de Oleiros a cesión gratuíta do Auditorio Gabriel García Márquez de Mera, a comedela que nos ofreceron a media mañá e a coordinación coa Policía Local e Protección Civil, para o acceso dos autobuses dos participantes.