Skip to Content

RUTA XEOLÓXICA NO BARBANZA

A soleada mañá do 25 de xaneiro o alumnado de 1º de bacharelato participou nunha ruta xeolóxica polo Barbanza dentro da IV edición do programa “descubrindo as rochas que pisas” dirixido polo divulgador e doutor en Xeoloxía Francisco Canosa.

Foi unha oportunidade marabillosa para trasladar os conceptos teóricos aprendidos na clase sobre o campo e comprender que a teoría e a práctica casan perfectamente na natureza.

Identificamos procesos de metamorfismo de contacto e metasomatismo na Praia de Touro, desde o mirador de Corrubedo entendimos que a duna protexida vai acabar cubríndose pola vexetación e convertíndose nunha duna fixa, preto do faro descubrimos a presenza de turba e nin máis nin menos que dunha praia fósil!

Desde a Curotiña contemplamos unha das paisaxes máis fermosas do día perdéndose a nosa mirada entre bateas, illas e nos confíns de cabo Silleiro.

A última lección da xornada foi nas pías e marmitas do Río Pedras (unas formacións causadas pola acción xiratoria de fragmentos rochosos sobre o cauce do río) onde demos por concluída esta actividade. Parabéns a todos os participantes polo voso comportamento e atención!



blog | by Dr. Radut