Skip to Content

ROTEIRO CULTURAL E LITERARIO

Os días 5 e 6 de xuño desenvolveuse o Roteiro Cultural e Literario 2018. Este é un proxecto do Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros, xunto co Servizo de Normalización Lingüística, o IES Miraflores e o IES María Casares. Cada curso, o alumnado de 1º BAC redacta as biografías de determinadas personalidades relacionadas co noso concello, coas que se elabora un caderno conmemorativo. Nesta ocasión, os homenaxeados polo Roteiro foron o pintor Antonio Tenreiro Brochón, a xornalista e escritora Anisia Miranda e o coleccionista José María Kaydeda.

Este ano, catro das nosas estudantes foron escollidas para presentar estas traxectorias aos seus compañeiros e a outros escolares oleirenses. Así, nos días sinalados, grupos de estudantes pasaron a mañá percorrendo o concello para lembrar estas figuras.

Nas Torres de Santa Cruz visitaron o Museo dos Oleiros para descubrir a José María Kaydeda e a súa colección de olaría tradicional ibérica. No Auditorio da Fábrica, en Perillo, os estudantes do IES Neira Vilas presentaron a figura de Anisia Miranda. Do seu contacto con esta escritora e co seu marido, Xosé Neira Vilas, tamén nos falou o músico Roi Casal, que nos interpretou algunhas das súas pezas coa harpa. Para terminar, xa na Casa Charry, o museólogo Felipe Senén presentounos algúns dos cadros de Tenreiro Brochón, que foron cedidos pola súa familia para a ocasión.



blog | by Dr. Radut