SAMAÍN 2025
Chegou o Samaín…
O Equipo de Dinamización Lingüística e a Biblioteca do
IES Miraflores proponvos,un ano máis, celebrar o Samaín e enmeigarvos desta vez, a través do bandullo!!!
Como sabedes, o Samaín é unha festa pagá de orixe celta e segundo as investigacións trátase da orixe de todas as festas tradicionais asociadas aos mortos. Fai máis de tres mil anos considerábase á noite do 31 de outubro, a noite en que as antigas almas viñan visitar aos vivos. Era tamén a recollida da colleita, polo que empezaba un novo ciclo.
Ao longo dos séculos a festa foi cambiando e hoxe en día son moitos os lugares onde seguen celebrando o Samaín, entre eles Galicia,onde as rúas de pobos e cidades énchense de xente para celebrar esta festa popular.
Entre as tradicións atópase a da popular cabaza. Recoller a cabaza, limpala e facerlle ollos e boca para representar unha caveira. É común colocar unha vela dentro para escorrentar aos malos espíritos. Cabe mencionar que os antigos celtas facíano con caveiras de verdade… Que medo!!!!!
Outra tradición é a de pedir doces de porta en porta co coñecido “truco ou trato”. Sabías que isto tamén deriva da festividade celta? Eles colocaban doces nas portas das súas casas para “agradar” aos espíritos e que non entrasen. A noite do 31 de outubro os pobos antigos colocábanse máscaras e facían rituais e bailes para escorrentar aos malos espíritos. É por iso que hoxe en día nos disfrazamos o día do Samaín.
Aínda que foron os americanos os que volveron a poñer de moda a festa popular, a través de series e películas, ben é certo que o Samaín tivo un forte arraigamento en Galicia, e actualmente é máis popular que nunca. É tradición reunirse con familiares e amigos/as, e en especial comer castañas e outros pratos típicos para despois bailar ao son da música popular que envolve de maxia os pobos e cidades galegas.
Prepara unha receita para o Samaín ou pregúntalle ao teu avó/avoa ou a algún parente, por algunha comida que tomaran antano nesta festa e redacta o proceso de elaboración.
Podes utilizar os ingredientes que desexes para facela máis terrorífica (sempre comstible ha, ha) e que non nos leve para o mundo dos mortos ao degustala!!!
Escribe a receita nunha cartolina A4 e entrégalla ao teu profesor/a de galego antes do 28 de outubro.
Pode ir acompañada de ilustracións ou fotos do proceso de preparación. Aceptarase tamén en formato vídeo no que empregando a lingua galega vaias explicando como elaboras o teu doce, prato...
E se te atreves, o día 30 de outubro podes traernos o que elaboraches para degustar.
Expoñerase todo no 1º andar, nun lugar habilitado para tal efecto e co que contaremos coma sempre coa axuda inestimable do departamento de Plástica.
O xurado estará composto polos membros do Equipo de Dinamización, que valorarán a orixinalidade, os ingredientes empregados, o uso correcto da lingua galega na receita, a calidade das ilustracións...
A entrega de premios para os tres gañadores/as terá lugar na Biblioteca do centro o venres 8 de novembro.
Anímate a participar...e a desfrutar dunha comida terroríficaaaaaaaaaaaaaaa!!!!!