Skip to Content

2º BACHARELATO – CONVOCATORIA EXTRAORDINARIA – XUÑO 2024

Segundo a Orde do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa: Será necesaria a avaliación positiva en todas as materias dos dous cursos de bacharelato para a obtención do título de bacharel”.

Excepcionalmente, o equipo docente poderá decidir que unha alumna ou un alumno obteña o título de bacharelato cando supere todas as materias menos unha sempre que se cumpran todas as condicións establecidas na antedita Orde.

Entrega de boletíns da convocatoria extraordinaria de 2º de Bacharelato:  O venres, 14 de xuño, ás 10:10 horas, as titoras farán entrega dos correspondentes boletíns nas aulas de referencia xunto coa documentación necesaria para que o alumnado que titule poida solicitar o título de bacharel e proceder a formalizar a matrícula na convocatoria extraordinaria da ABAU, se así o desexa.

Referencias legais do procedemento de reclamación das cualificacións e das decisións de promoción e titulación:

Orde do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa.

Instrución 10/2023 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se establecen para o curso 2023/2024 os prazos e o procedemento para as reclamacións das cualificacións finais no segundo curso de bacharelato ou da decisión de titulación nesta etapa educativa.

Revisión das cualificacións no centro: Durante o luns 17 e o martes 18 de xuño, de 9:00 a 14:00 horas, o alumnado, de ser maior de idade, ou as súas nais, pais ou as persoas titoras legais, de ser menor de idade, poderán solicitar ao profesorado a revisión das diversas probas e as aclaracións que consideren precisas (Anexo 1).

No suposto de que, tras as oportunas revisións e aclaracións, persista o desacordo con algunha cualificación final ou coa decisión de titulación, o alumnado, de ser maior de idade, ou as súas nais, pais ou as persoas titoras legais, de ser menor de idade, poderán solicitar por escrito no centro (Anexo 2) nese mesmo prazo (luns 17 e martes 18 de xuño, de 9:00 a 14:00 horas) a revisión da devandita cualificación ou decisión por parte do correspondente departamento ou equipo didáctico. Este emitirá un informe que recollerá, entre outros aspectos, a decisión adoptada de modificación ou ratificación da cualificación final obxecto de revisión. En todo caso, a reclamación formal abranguerá unicamente as cualificacións finais.

Notificación escrita por parte da dirección do centro aos/ás interesados/as da decisión razoada de ratificación ou modificación da cualificación revisada por parte do departamento: Esta levarase a cabo o mércores, 19 de xuño, ás 18:00 horas, na Xefatura de estudos do centro.

Reclamación ante Xefatura Territorial:  No caso de que, tras o procedemento de revisión no centro, persista o desacordo coa cualificación final ou coa decisión sobre a titulación, o alumnado, de ser maior de idade, ou a súa nai, pai ou as persoas titoras legais, de ser menor de idade, poderán presentar por escrito á dirección do centro durante o xoves, 20 e o venres, 21 de xuño, de 9:00 a 14:00, reclamación ante Xefatura Territorial (Anexo 3).

A dirección do centro remitirá o expediente á Xefatura territorial que emitirá resolución motivada e que se comunicará á dirección do centro para a súa aplicación e traslado á persoa interesada.

Contra a resolución da Xefatura Territorial, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, conforme o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

AdxuntoTamaño
ANEXO 1.pdf404.21 KB
ANEXO 2.pdf43.86 KB
ANEXO 3.pdf45.65 KB


blog | by Dr. Radut