Tinta de Calamar
Co gallo da celebración do día das letras galegas os grupos de 2º e 4º da ESO acudiron a biblioteca Rialeda para ter unha parolada con Ramiro Neira, marabilloso comunicador que falou de Luísa Villalta poeta, pero tamén violinista, ensaísta, dramaturga e, sobre todo, mestra.
Coa figura de Luísa docente, quixo Ramiro reflexionar con eles sobre a importancia de ler e de aprender a entender o que lemos, reflexionou sobre a posibilidade de que a educación implique compartir, pero chamoulles ademais a atención sobre o feito de que non se pode compartir se non partimos dun respecto polos noso iguais e polos nosos docentes.
É unha fortuna que Ramiro Neira coñecese persoalmente a Luísa Villalta por pertencer el ao grupo de teatro Sardiña. Rememorou vivencias persoais e escolleu libros da autora que están na biblioteca municipal, entre eles un que é unha homenaxe do alumnado que tivo Villalta no IES de Sada. Porque Ramiro en todo momento destacou a faceta docente de Luísa Villalta na que traballou os valores da liberdade e do respecto ás ideas.
Varios alumnos e alumnas leron fragmentos destes libros sobre o amor polo galego, a defensa do ensino público, a importancia da formación... para comentalos.E como non podía ser doutro xeito, rematamos cun poema da autora homenaxeada.