Skip to Content

ORDE SOBRE O USO DOS TELÉFONOS MÓBILES E DISPOSITIVOS ELECTRÓNICOS NOS CENTROS EDUCATIVOS

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de publicar o protocolo para regular o uso dos móbiles e dispositivos electrónicos nos centros educativos durante o tempo de lecer, a través do que se amplía á totalidade da xornada escolar a limitación do uso dos teléfonos e dispositivos electrónicos que estaba xa vixente durante os períodos lectivos dende a publicación do Decreto 8/2025, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño de 2011, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar.
Dito protocolo non supón ningún cambio con respecto ás Normas de organización e funcionamento do IES Miraflores onde xa non estaba permitido o uso dos móbiles e dispositivos electrónicos, como mecanismo de comunicación, non só durante os períodos lectivos (salvo cunha finalidade pedagóxica e baixo supervisión directa do profesorado) senón tampouco nas entradas e saídas, durante o recreo, o comedor escolar e os períodos dedicados ao desenvolvemento de actividades complementarias e extraescolares (excepto coa autorización expresa do equipo directivo ou profesorado).
A decisión enmárcase na liña prioritaria da Xunta de consolidar a convivencia positiva como estilo educativo a través do impulso dunha convivencia dixital responsable, tal e como marca a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 e o Plan Integral contra o Acoso e o Ciberacoso escolar, para garantir que os centros educativos sexan espazos que promovan o benestar dixital e a tolerancia cero a todo tipo ou forma de acoso promovendo unha responsabilidade compartida no uso seguro e saudable das novas tecnoloxías ao tempo que se compatibiliza co aproveitamento das potencialidades de aprendizaxe que ofrecen estas ferramentas.

AdxuntoTamaño
20240104_orde_uso_mobiles_asinada.pdf222.1 KB


blog | by Dr. Radut