ENCONTRO CO DOUTOR DIEGO GONZÁLEZ RIVAS
O xoves, 14 de decembro, o alumnado de 2º de bacharelato participou nun encontro, que tivo lugar no noso centro, co Dr. Diego González Rivas, referente mundial en cirurxía torácica e transplante de pulmón.
A conversa tivo un dobre enfoque: por unha banda, abordou os aspectos científicos da súa innovadora técnica de cirurxía Uniportal VATS e, por outra, e xa dende un punto de vista máis persoal, o doutor relatou o inicio da súa vocación e as súas motivacións vitais centrando a súa intervención na importancia de que o alumnado se esforce, se forme e se motive para poder vivir con “paixón” aquela saída profesional e persoal pola que opte na súa vida.
O motivo da súa visita foi agradecer en persoa a colaboración do IES Miraflores, grazas aos máis de 6.000€ recadados na V Carreira da luz, nun dos grandes obxectivos da fundación que leva o seu nome que é poder dispoñer dunha unidade móbil coa que poder realizar, a través da súa técnica Uniportal VATS, aquelas cirurxías que non se poden abordar por falta de recursos en países en vías de desenvolvemento.