ROTEIRO OS METROSIDERAIS POLA CORUÑA
O mércores 21 de decembro de 2022, xusto antes das vacacións de Nadal, fomos de excursión por A Coruña para visitar e fotografar todas as localizacións que aparecen no libro Os metrosiderais. Escollimos este libro xa que a historia ten lugar na nosa cidade, concretamente na zona de Montealto.
As participantes desta actividade fomos as integrantes do Club de lectura de galego: Alba Dorado, Alba Macía, Lucía Martín, Irene Rostro, Emma Villamor e a profesora Carmo Gasamáns.
A finalidade desta saída era aprender o roteiro que vai aparecendo no libro para poder repetilo máis adiante co club que íamos crear e co escritor, Héctor Cajaraville.
Para iso, previamente á saída, limos o libro e estivemos apuntando todos os lugares polos que pasaban os protagonistas.
Unha vez na Coruña, o noso percorrido consistiu nun paseo pola zona de Riazor/Montealto. E aínda que o tempo non nos acompañou e non era nin por asomo o retratado no libro, empezamos no paseo marítimo cunha visita ás praias de Riazor, do Orzán e do Matadoiro. Pouco despois tivemos que preguntar á xente que atopabamos pola rúa, para saber onde se atopa a Praia das Amorosas, na que sacamos algunhas fotos do cigurat do libro. A continuación, subimos cara ao barrio de Montealto e fomos ver a igrexa de San Xosé. Pasamos polas rúas Padre Rosendo Salvado, Santo Tomás, Camariñas, de Friol, de Forcarei e de Washington. Despois fomos, pasando pola Avenida de Hércules, ata a Policía Local, onde vimos o metrosidero do libro, e ata o ceminterio de Santo Amaro, situado na rúa Beiramar. Para finalizar, dirixímonos ao Campo de Marte e seguimos a rúa da Torre ata a rúa de San Xosé e ata a praza de España.
O que nos pareceu máis interesante foi comprobar que existía a vivenda de Leandro de Hoces, o ancián do libro, na rúa de San Xosé entre dous bares, no terceiro esquerda; aínda que non nos atrevemos a chamar.
Como resultado deste roteiro, temos unha chea de fotos que empregamos para motivar aos alumnos de primeiro e segundo da ESO a unirse ao noso club e ler este magnífico libro.