Skip to Content

CHARLA DE LOIS PÉREZ

O venres 5 de maio, o alumnado de 2º ESO asistíu no salón de actos do centro a unha charla-coloquio co escritor Lois Pérez, autor do libro que leron neste terceiro trimestre: A gruta da torre editado por Xerais.

Unha novela que como el mesmo apuntou, naceu nun momento complicado, no confinamento, movido polo medo a perder aos seus seres queridos, e por e para o seu fillo. Nunha época na que viu que a necesidade dunha resposta era unha cuestión esencial na condición humana e, se non a tiñamos, a vida non tiña sentido. Esa falta de resposta foi o que o moveu a escribir para lerlle polas noites ao seu fillo. E esa resposta atopouna na infancia: esa etapa na que todo está resolto".

Con A gruta da torre, Lois Pérez, proclamouse vencedor do V Premio Agustín Fernández Paz de literatura infantil e xuvenil pola igualdade.

Os rapaces e rapazas preguntáronlle por aspectos do libro no que se rememora un verán da década dos noventa na vila de Ribadeo onde Lois descubrirá, a través da súa atracción por Vanessa, as primeiras experiencias amorosas e achegarase coa súa cuadrilla á fronteira entre o mundo dos xogos infantís e o problemático mundo dos maiores. Non só no que ten que ver cos perigos aos que se ven expostos, senón tamén no que ten que ver cos sentimentos e emocións, que comezan a descubrir nos seus propios corpos e mentes. O poder evocador dos libros A biblioteca, e un libro de viaxes de Marcel Schowb que o protagonista comeza a ler, actúa na historia como unha porta aberta a outros mundos.

Sen dúbida, coñecer máis de cerca a este mestre, poeta e contador de contos lucense, foi unha experiencia moi positiva para todos.

A actividade estaba organizada polo Departamento de Lingua e Literatura galega e o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Miraflores.

 

 



story | by Dr. Radut