V CARREIRA DA LUZ – IES MIRAFLORES
CARREIRA POPULAR CON FINS SOLIDARIOS
VENRES 21 DE ABRIL DE 2023 ÁS 20:00 HORAS
POLÍGONO DE IÑÁS (OLEIROS)
Co fin de realizar unha actividade deportiva, á vez que solidaria, e que involucrase ao maior número de persoas de todas as idades e non só de Oleiros, senón tamén das localidades limítrofes, o IES Miraflores deseñou un proxecto de carreira popular, “A Carreira da Luz”, unha iniciativa que levaba organizando durante catro anos e que, lamentablemente, viuse paralizada por mor da pandemia.
Unha das máximas do IES Miraflores é educar en valores e inculcar boas prácticas como a cooperación e a solidariedade con aquelas persoas que sofren, por exemplo, mediante a participación en actividades deportivas e saudables, pois isto favorece e enriquece enormemente á nosa xuventude e, por extensión, á toda a sociedade.
Din que a forza está no impulso que outros/as corredores/as transmiten na carreira, e se a iso se lle engaden os beneficios da actividade física e a motivación de correr por unha boa causa sabendo que o teu esforzo contribúe a mellorar a vida doutras persoas, o éxito está garantido.
Nesta ocasión, dende o IES Miraflores tenderase unha liña de colaboración solidaria coa FUNDACIÓN DIEGO GONZÁLEZ RIVAS, entidade con selo galego, recentemente constituída, que ten como obxecto a investigación médica e que leva o nome do cirurxián coruñés que, desde hai máis dunha década, opera en calquera parte do mundo a persoas sen recursos e con enfermidades torácicas a través da técnica de cirurxía torácica Uniportal VATS.