Skip to Content

ROTEIRO XEOLÓXICO DO ALUMNADO DE BACHARELATO Á MARIÑA LUCENSE

O venres 27 de xaneiro un grupo de 25 alumnos de bacharelato pertencentes ás materias de Bioloxía e Xeoloxía, Xeoloxía e Ciencias da Terra e do Medio Ambiente, viaxou ata a Mariña Lucense acompañado polos seus docentes, para participar nun roteiro xeolóxico guiado polo divulgador e doutor en Xeoloxía Francisco Canosa Martínez.  
As baixas temperaturas non impediron que que gozásemos dunha formidable clase de Xeomorfoloxía e descubrísemos paisaxes sorprendentes e inexploradas como os “Cantís de papel”, formacións graníticas de extraordinaria beleza, esculpidas pola acción do vento e a influencia do mar.  
Visitamos tamén a Praia das Catedrais, unha das máis bonitas do mundo, onde aproveitando a marea baixa, investigamos cales eran os principais materiais da contorna: capas de dura cuarcita alternando con lousas máis brandas. Máis de un deixou alí as unllas! Entendemos tamén a orixe destes materiais a partir da compresión de sedimentos de areas e fangos, depositados fai centos de millóns de anos nas costas do hemisferio Sur. Case nada!  Abraiados pola beleza dos arcos mariños, rematamos a mañá observando in situ as catro etapas da súa evolución temporal.

Finalizamos o día en Burela visitando a zona do Perdouro, recoñecida como Geosite (lugar de importancia xeológica de relevancia internacional) onde nos explicaron o tren de dobras de preto de 300 millóns de anos, orixinado a consecuencia da oroxenia Varisca.  
Non hai mellor aula que a propia Natureza!



page | by Dr. Radut