MODIFICACIÓN DA ORDE POLA QUE SE APROBA O CALENDARIO ESCOLAR PARA O CURSO 2022-2023 PARA OS CENTROS SOSTIDOS CON FONDOS PÚBLICOS
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de publicar no DOG de hoxe, xoves, 5 de xaneiro, a Orde do 27 de decembro de 2022 de modificación da Orde do 20 de maio de 2022 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2022/2023 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.
En consecuencia, elimínase a sesión de avaliación previa á avaliación final do alumnado de ESO, prevista para ser realizada a partir do 5 de xuño de 2023, xunto co período específico para a realización de actividades de apoio, reforzo e recuperación de materias ou partes sen superar tras esa avaliación parcial; é dicir, o curso na ESO remata a todos os efectos o 21 de xuño de 2023 debendo coincidir a sesión da terceira avaliación parcial coa sesión de avaliación final, que terá lugar a partir do 22 de xuño de 2023, onde se fará efectiva a cualificación definitiva das materias.
Con respecto ao alumnado de 1º de Bacharelato, mantense a realización da sesión da avaliación final ordinaria a partir do 5 de xuño de 2023 e a sesión de avaliación final extraordinaria a partir do 22 de xuño de 2023.
Ao longo do mes de xaneiro, indicarémosvos as implicacións específicas que esta Orde terá sobre as distintas programacións didácticas, o calendario de avaliacións e o remate do curso escolar.