OS NENOS DA VARÍOLA POLA CORUÑA
O alumnado do Club de lectura fixo un roteiro pola Coruña visitando tanto lugares que aparecen no libro Os nenos da varíola e como outros nos que se fai homenaxe aos seus protagonistas. Neste artigo ademais queremos reproducir algúns fragmentos do libro nos que aparece descrita a cidade.
As alumnas e o alumno visitando un monumento dedicado a Isabel Zendal
Despois de ler e traballar coas personaxes do libro Os nenos da varíola, o club de lectura decidiu sacar a súa faceta de explorador e botarse ás rúas de Coruña para ver en persoa os lugares onde transcorreu a trama do libro.
Co acompañamento da profesora de debuxo Ana Sogo e de lingua galega Carme Gasamáns, as alumnas e o alumno foron visitando diversos lugares e monumentos. Algúns deles son a rúa Isabel Zendal, o Balcón Balmis no museo da Domus. Tamén a rúa Hospital, na que está o monumento a Isabel Zendal e o instituto Ramón Menéndez Pidal do cal, os expedicionarios teñen sospeitas de que puido ser o Hospital da Caridade, e por lóxica, ao carón tiña que estar o hospicio dos cativos da varíola que aparece así descrito no libro:
“A “Ynclusa” de Santiago estaba desbordada ata límites inhumanos, e cando na Coruña se fundou o Hospital da Caridade grazas aos fondos doados por dona Teresa Herrera, decidiuse, igual que en Santiago, situar nel unha “Ynclusa” a cargo da Congregación das Dores.”
Os alumnos no monumento Isabel Zendal na rúa Hospital
Ademais, este grupo de investigador@s tamén visitou outros monumentos, que non aparecían no libro, pero que están igualmente cheos de cultura, como a escultura a Curros Enríquez, o cemiterio de Santo Amaro ou o metrosidero que está no cuartel da policía local, e que pode teren visitado tamén os membros da expedición Balmis, xa que ten moitos anos.
O Club no Cemiterio de Santo Amaro
Desafortunadamente, houbo lugares citados na historia que non puideron visitar, xa que coa evolución da cidade foron desaparecendo. Así pasa co convento dos Agostiños, onde se aloxou o doutor Balmis cando estivo na Coruña e así o redactou María Solar en Os nenos da varíola:
“-Onde cearemos?
-Na miña residencia, señor Balmis –puntualizou o alcalde–, e o aloxamento terano no convento dos Agostiños.”
“As mulleres dos postos da praza de Abastos estaban atentas aos farrapentos”. Por exemplo nesta frase que aparece ao principio do libro fálase dunha praza de abastos, pero na actualidade é imposíbel saber onde estaba.
Por suposto os membros do club de lectura non evitaron o antollo de camiñar pola costa da Coruña, rozando o océano Atlántico, como facía o doutor Balmis, porque aínda que só estivese de paso, ao doutor encantoulle a cidade, como a moitos outros. Así aparece reflectido no libro:
“O médico gustaba de dar longos paseos solitarios cada día. Era o seu xeito de ordear ideas, de cavilar en toda aquela barafunda que estaban a facer. [...] Adoitaba comezar o seu paseo no propio peirao, observando o delicioso abalar das pequenas embarcacións nas ondas. Ondas que remataban despois batendo con forza no dique.
[...]Percorría o peirao e saía del percorrendo a costa ata as praias próximas. Era o momento máis tranquilo da xornada. Moi superada xa a segunda metade do mes de novembro, o doutor vía marchar os días lentos de máis.”
Catro expedicionarios do club de lectura achegándose ao castelo de San Antón.
O Porto da Coruña aparece nas páxinas 111 e 136 do libro. María Solar recrea para nós a importancia que tiña A Coruña no tráfico marítimo con América.
“Será unha viaxe de máis de cinco semanas desde Tenerife ata Porto Rico, e, previamente, uns dez días de navegación desde este porto da Coruña ata as Canarias.”
“Nos seguintes días Balmis non parou de traballar. Comezaba xa o mes de outubro e as cousas estaban realmente atrancadas. O primeiro porto elixido para iniciar a travesía da Real Expedición fora o de Cádiz, de moita trasfega coas Américas, pero máis tarde cambiouse polo da Coruña. Desde alí saían regularmente buques-correo con destino á Habana, Buenos Aires e Montevideo, había transporte fluído de pasaxeiros e mercadorías, convertérase nun dos máis importantes portos de España ata o punto de que se estableceu nel o Real Consulado Marítimo e Terrestre, que reforzou o seu peso e tamén as súas instalacións.”
Agardamos que con todos estes fragmentos sintades moi próximo o libro que narra a historia dos preparativos dun dos feitos máis importantes da humanidade, como é a expansión da primeira vacina do mundo cara ao novo continente “As Américas” e que transcorre na nosa cidade.
LUCÍA MARTÍN SAMPEDRO 4ºESO B
Adxunto | Tamaño |
---|---|
_Roteiro pola Coruña.pdf | 332.51 KB |