Como xa podedes ver na exposición do piso de arriba, tentamos representar a escena da saída do barco María Pita do porto da Coruña no 1803, acontecemento histórico que axudou a levar a vacina da varíola ás colonias españolas en América.
Esta expedición filantrópica foi recordada como unha das maiores heroicidades da nosa historia, e hoxe máis que nunca, temos que recoñecer o importante legado.
O noso obxectivo é dar visibilidade aos 22 nenos que levaron a vacina a América. Os nosos pequenos heroes tiñan idades comprendidas entre 3 e 9 anos e viñan de diferentes procedencias:
A Coruña:
- Martín (5 anos)
- Manuel María (6 anos)
- Cánido de la Caridad (6 anos)
- Francisco Antonio (8 anos)
- Clemente de la Caridad (9 anos)
- José Jorge Nicolás de los Dolores (5 anos)
- Vicente María Sale y Vellido (3 anos)
- Pascual Aniceto (3 anos)
- Ignacio José (3 anos)
- José (3 anos)
- Tomás Melitón (3 anos)
- José Manuel María (3 anos)
- Benito Vélez (7 anos)
Santiago de Compostela:
- Juan Antonio (5 anos)
- Jacinto (6 anos)
- Gerónimo María (7 anos)
- Francisco Florencio(5 anos)
- Juan Francisco(9 anos)
Madrid:
- Vicente Ferrer (7 anos)
- Andrés Naya (8 anos)
- Domingo Naya (6 anos)
- Antonio Veredia (7 anos)
En canto a elaboración desta exposición, catorce alumnas de Educación Plástica e Visual de 1º BAC, encargáronse, durante as horas lectivas, de realizar os nenos que podemos observar no corredor superior. En primeiro lugar, escolleron o neno que ían representar e comezaron a debuxalo en papel croquis. A continuación, pasaron o seu debuxo a cartón e comezaron a vestilo e pintalo ata obter o resultado final.
Despois nós, as alumnas e o alumno do Club de lectura, dedicámonos a facer os nenos que faltaban para chegar a ter os 22.
Cadaquén escolleu o seu rapaz e adaptamos a roupa e accesorios, que están inspirados nos que se utilizaban durante a época na que se ambienta o libro.
Entrevistamos Claudia Curros e a Clara de 1º de BAC:
-Como decidistes quen facía cada neno?
Clara: A profe dixo que tiñamos que elixir un neno, deixounos liberdade para escollelo, pero ao final foi ela a que nolos adxudicou.
-Que nenos vos tocou facer?
Clara:Tocoume un rapaz de 3 anos que se chamaba Vicente, non nos dixeron moita acerca dos nenos, só nos contaron a historia que viviron e a súa participación na viaxe para levar unha vacina dunha enfermidade ata América.
Claudia: A min déronme un rapaz de 6 anos chamado Manuel María, como o escritor.
-Como foi a creación dos nenos?
Clara: Non foi fácil. Empregamos un cartón pluma moi esvaradío para a pintura que ademais tivemos que cortar con cutter, xa que quedaba mal coas tesoiras, e aínda así quedaban grumos. A profe puxo na pantalla as medidas que tiñan que ter en relación coa súa idade e o tamaño. O máis doado e divertido na miña opinión foi facerlle a roupa, para o que tivemos que elixir as teas e facer os detalles.
-En que vos baseastes para facer a roupa e o boneco?
Claudia: En nada en particular, foi pura imaxinación baseándome en imaxes que busquei en internet en relación coa época.
Clara: Eu inspireime no meu primo de 3 anos, coas súas faccións e trzos.Non foi igual, pero parecido.
-Que sabedes do voso neno?
Claudia: Déronnos o seu nome, a súa idade e contáronnos que eran orfos que non vivían en moi boas condicións.
-Canto tempo tardastes?
Clara: Tardamos moito tempo, como unhas seis clases.
Claudia: Eu avanzaba o traballo na casa para que me dera tempo.
-Cal é a vosa opinión sobre este acontecemento histórico?
Clara: Pois por unha parte paréceme ben porque esta expedición permitiu erradicar unha enfermidade, pero tamén mal porque seguramente eses nenos tiveron que atravesar situacións moi duras e un morreu.
Claudia: Si, eu opino igual, foi algo bo e importante que axudou a moitas persoas pero a costa de eses 22 nenos.
Animámosvos a ver a exposición e os libros que teñen que ver co tema.
- Os nenos da varíola, de María Solar.Este á o libro do noso club
- Novo Mundo:Isabel Zendal na Expedición da Vacina, de El primo Ramón.
- El mar recordará nuestros nombres, de Javier de Isusi.