Skip to Content

Dinamización lingüística

CORRELINGUA 2023

 

Na casa, na escola, bota a lingua fóra

O pasado venres 5 de maio, o alumnado de 1º de Bacharelato xunto coas profesoras  do departamento de Lingua Galega e de Plástica e Visual acudiron ao Correlingua da cidade da Coruña.

 

O noso instituto ía moi preparado para este momento cunha pancarta realizada polos estudantes da materia de Debuxo Técnico, cuns emoticonos e frases tradicionais galegas. Iamos con disfraces de emoticonos e outros levaban uns pequenos carteis en forma de bocadillo de cómic.

 

Con isto queriamos fomentar o uso do galego nas redes sociais como Instagram ou  Tiktok, demostrando que pode ser unha lingua moderna e usada en todos os contextos sociais.

 

O Correlingua é un evento organizado pola Asociación Cultural Correlingua, xunto   coa axuda de asociacións como A Mesa pola Normalización Lingüística e a  Asociación Socio Pedagóxica galega, de varios concellos e das Deputacións de Lugo, Coruña e Pontevedra. O concello de Oleiros colaborou conosco nesta actividade facéndose cargo do custo dun autobús.

 

O obxectivo do correlingua é convidar aos nenos e adolescentes de distintos centros educativos galegos, a reivindicar a lingua galega e defender a importancia que ten.

 

Neste ano acudiron máis de 2000 alumnos de escolas e institutos de varios concellos ademais do de Oleiros: A Coruña, Cambre, Carral, Cerceda, Vimianzo, Laxe…

 

Xuntámonos ás 11h na explanada do estadio. Realizouse primero un percorrido dende o pavillón de Riazor   ata a Torre de Hércules, que durou aproximadamente unha hora e media. As persoas coas que nos cruzabamos saudaban e interesábanse pola actividade.

 

Ao chegar, ao pé da Torre de Hércules, Ines Rey, a alcaldesa de A Coruña, fixo un pequeno discurso agradecendo a participación e o compromiso que tiñan o alumnado e o profesorado en conseguir a normalización lingüística e en coidar a nosa lingua que forma parte do noso patrimonio cultural.

 

Alumnos e alumnas do IES de Elviña leron o manifesto deste ano con moito entusiasmo. A continuación deron a coñecer o gañador do concurso de pancartas que foi o centro  CPI O Cruce de Cerceda. Ían cunha proposta moi innovadora mencionando o metaverso; no palco, na recollida do premio demostraron que o galego tamén é valido para utilizalo nas cancións actuais, facendo versións en galego delas.

 

A nosa proposta de pancarta tamén era de premio! Agora témola exposta con orgullo no corredor de arriba do centro.

 

Para rematar, puidemos desfrutar un pouco da música do grupo de rock galego  Cuarta Xusta, gañadores do Cantalingua

 

Fixemos unha entrevista a dúas alumnas do instituto Lucía e   Alba sobre como foi a súa experiencia no Correlingua.

 

-Levamos unha pancarta moi chamativa ,uns emoticonos e uns carteis. Canto tempo levou facelos?

 

L: Foi unha pancarta feita polo alumnado que cursa a materia optativa de

 

Debuxo Técnico e levoulles un par de meses preparala coa axuda da súa profesora.

 

 

A: Os carteis foron feitos por alumnos e alumnas que ían axudar a facelos durante algún  recreo.

 

 -Que representan todos os emoticonos e as frases?

 

 

A: Queremos reivindicar que o galego pode usarse nas redes sociais, como mostra a nosa pancarta cos símbolos de Instagram ou Tiktok, aplicacións moi utilizadas por nós.

 

-No voso caso, falades normalmente galego?

 

A: No meu caso coa miña familia non o utilizo e no instituto utilizámolo cando a materia é dada polo profesorado en galego. E no meu día a día utilizo o castelán.

L: Eu tampouco o utilizo coa familia e normalmente no instituto entre os compañeiros falamos en castelán, excepto cos profesores que nos falan en galego.

 

Segundo o alumnado, o Correlingua foi unha experiencia diferente e entretida, Tamén   unha maneira de adentrarse na loita pola lingua galega. Ademais viron os diferentes puntos de vista sobre o galego do alumnado doutros centros e dos adultos que fixeran o evento, polo que desfrutaron bastante desta actividade.

 

 

 

Redactora: Alba Macía.

 

 

 

  

 

 

 

REGUEIFAS

Hoxe veu regueifar ao Miraflores Lupe Blanco. A de Coristanco veunos ensinar os princípios básicos desta arte popular. 

O alumnado de 4 ESO entregouse por completo á actividade e de entre eles pode que saia algún futuro regueifeiro/a.

Unha actividade que de seguro, repetiremos!!!!

A sesión estivo organizada polo Equipo de Dinamización do IES Miraflores e o Concello de Oleiros.

CHARLA DE LOIS PÉREZ

O venres 5 de maio, o alumnado de 2º ESO asistíu no salón de actos do centro a unha charla-coloquio co escritor Lois Pérez, autor do libro que leron neste terceiro trimestre: A gruta da torre editado por Xerais.

Unha novela que como el mesmo apuntou, naceu nun momento complicado, no confinamento, movido polo medo a perder aos seus seres queridos, e por e para o seu fillo. Nunha época na que viu que a necesidade dunha resposta era unha cuestión esencial na condición humana e, se non a tiñamos, a vida non tiña sentido. Esa falta de resposta foi o que o moveu a escribir para lerlle polas noites ao seu fillo. E esa resposta atopouna na infancia: esa etapa na que todo está resolto".

Con A gruta da torre, Lois Pérez, proclamouse vencedor do V Premio Agustín Fernández Paz de literatura infantil e xuvenil pola igualdade.

Os rapaces e rapazas preguntáronlle por aspectos do libro no que se rememora un verán da década dos noventa na vila de Ribadeo onde Lois descubrirá, a través da súa atracción por Vanessa, as primeiras experiencias amorosas e achegarase coa súa cuadrilla á fronteira entre o mundo dos xogos infantís e o problemático mundo dos maiores. Non só no que ten que ver cos perigos aos que se ven expostos, senón tamén no que ten que ver cos sentimentos e emocións, que comezan a descubrir nos seus propios corpos e mentes. O poder evocador dos libros A biblioteca, e un libro de viaxes de Marcel Schowb que o protagonista comeza a ler, actúa na historia como unha porta aberta a outros mundos.

Sen dúbida, coñecer máis de cerca a este mestre, poeta e contador de contos lucense, foi unha experiencia moi positiva para todos.

A actividade estaba organizada polo Departamento de Lingua e Literatura galega e o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Miraflores.

 

 

MENÚ MES DE MAIO

CONCURSO DE MARCAPÁXINAS.LETRAS GALEGAS2023

 

 

 

 

O Equipo de Dinamizacón da Lingua Galega do IES Miraflores convoca VI Concurso de Marcapáxinas das Letras Galegas 2023. FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO.

O tema deste ano é a figura de Francisco Fernández del Riego, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas

1. Participantes

Pode participar no  concurso todo o alumnado do centro.

2. Formato

O marcapáxinas realizarase nun rectángulo aproximado  de 21cm x 5cm. Debe ser cartulina sen motivos en relevo . A técnica será manual e libre e efectuarase  por unha soa cara.

Deberá recoller o texto: DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2023.FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO.

3. Presentación de traballos

O marcapáxinas terá que recoller o nome do alumno/a e o curso.

4. Prazo e lugar de presentación

Os marcapáxinas serán recollidos polo profesorado de Lingua Galega que imparta clase en cada curso e a data límite de entrega será o xoves 11 de maio.

5. Xurado

O Xurado estará composto por algún membro do Equipo directivo, a coordinadora do Equipo de Dinamización, un docente do centro e alumnado que pertence ao Equipo de Dinamización.

6. Criterios para a concesión do premio

A calidade e a orixinalidade dos traballos serán os criterios nos que se baseará o xurado para a resolución dos premios.

1º Premio. Agasallo e impresión do marcapáxinas para facer entrega ao resto do alumnado e profesorado

2º Premio. Agasallo

3º Premio, Agasallo

7. Entrega de premios

A entrega de premios  realizarase a mañán do venres 19 de maio na Biblioteca do IES Miraflores.

 

 

 

 

 

 

 

ANDREA MACEIRAS

O martes 18 de abril a escritora  Andrea Maceiras, estivo unha vez máis no noso centro. Esta vez para falar do seu libro Que me pare o corazón se te esquezo, publicado por Xerais.

O alumnado de 2º ESO puido facerlle preguntas sobre esta novela na que a protagonista Blue Shiva é a deusa das redes sociais. Na súa popular canle aparecen os retos virais máis arriscados. Pero tamén é unha deusa fráxil. A noite en que decide camiñar polo bordo dun edificio de dez andares, só desexa que a chuvia deteña a súa ousadía. Porén, Nordestal é unha cidade ventosa, e Blue Shiva precipítase ao seu propio abismo.Axiña as redes sociais difunden a nova da súa morte. Do outro lado da pantalla, Ada, que non pode crer que Blue Shiva xa non exista, pídelle axuda á súa irmá xemelga, Lúa, e convértea en cómplice involuntaria. Pola súa banda, Gabriel regresa a Nordestal guiado polos latexos do seu corazón.Narrada a dúas voces, Que me pare o corazón se te esquezo é unha historia sobre ese mar que nos axita por dentro e sobre aquel que se abre alén das nosas pantallas, tinguido pola peor sombra e, ao tempo, capaz da maior luz.

Contar con Andrea é sempre unha marabillosa experiencia.

A actividade estivo organizada polo Departamento de Dinamización Lingüística do IES Miraflores.

FALANDO A BOCA CHEA

O alumnado de 2º ESO desfrutou esta semana dunha sesión de contacontos da man de María Pontragha.

María da Pontragha é o alcume de María Iglesias, unha educadora e antropóloga que dende sempre mantivo un vínculo moi forte coa tradición oral, tanto a través da música coma da palabra en si. No 2009 comezou a súa andaina no mundo da narración centrándose na recuperación e actualización das historias populares e de tradición oral e cun gusto especial polas historias que se centran nas mulleres do país. É ademais percusionista e vocalista nos grupos Bouba e Lévedo, e vocalista no grupo Sacha na horta.

Os nosos rapaces e rapazas riron, cantaron e pudieron achegarse á tradición oral que tan arraigada temos en Galicia.

 

A actividade estivo organizada polo Departamento de Dinamización Lingüística do IES Miraflores en colaboración co Concello de Oleiros.

 

 

 

MENÚ MES DE DE ABRIL

CONCERTO DA CANTAUTORA M.J PÉREZ

O pasado 31 de marzo o alumnado de 2º BACH  do IES Miraflores puido desfrutar da actuación  de MJ Pérez, unha cantautora galega que bebe de diferentes estilos, co predominio do rock-pop nos seus primeiros álbums e cun xiro cara sons máis latinos e música de raíz no seu último disco. Suma case 200 concertos por toda Galicia e parte de Portugal.O seu traballo discográfico esta formado por 4 álbums, varios singles e diferentes colaboracións

“Casandra” é o terceiro álbum de MJ Pérez (primeiro de estudio) que ve a luz no ano 2017. Foi presentado en Arzúa o 30 de setembro dese mesmo ano.

Trátase dun traballo auto-producido e que conta coa gravación e mistura de Paco Cerdeira e o Máster de Chou.

A Actividade estivo organizada polo Equipo de Dinamización do IES Miraflores e o Concello de Oleiros.

YOLANDA CASTAÑO

 

O alumnado de 4 ESO participou os días 9 (4 ESO B e C) e 3 de marzo (4 ESO A) no espectáculo poético realizado pola poetisa Yolanda Castaño, quen recitou algunhas das súas composicións, reproduciu varios dos seus videopoemas e comentou a súa experiencia de vivir da escrita en galego.

A actividade estaba organizada polo departamento de Lingua Galega o Equipo de Dinamización en colaboración co concello de Oleiros.

 

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut