Nas últimas semanas, os alumnos e alumnas de bioloxía e xeoloxía de 4º da ESO e os de CTMA de 2º de BACH, participaron nunha actividade promovida desde a Deputación da Coruña para dar a coñecer a realidade do cambio climático na nosa provincia. O investigador principal do proxecto Climaco, Alberto González, despois de repasar os elementos do clima e a forma de rexistralos, explicoulles a orixe do noso clima oceánico "con matices" e a diferenza entre o efecto invernadoiro natural e o incremento do efecto invernadoiro. Fixo especial fincapé no papel deste último no cambio climático. En relación ao cambio climático, o alumnado puido coñecer de primeira man, os resultados dunha investigación pioneira desenvolvida na nosa provincia. Investigación na que, tras comparar as características do clima de dous períodos concretos (1971-1990) e (1999-2018), queda probada a existencia de dito cambio: 15 días máis ao ano con temperaturas por riba dos 25 ºC, 10 días menos de xeada, máis noites tropicais... Ademáis da valiosa información aportada, a charla tiña como obxectivo fomentar comportamentos sostibles e por en valor a importancia da acción local para aportar solucións a un fenómeno de repercusións globais. Sen dúbida, unha charla interesante á vez que necesaria, trala que xurdiron numerosas preguntas que foron respondidas por Alberto González.