Skip to Content

blogue deadmin

PRIMEIROS AUXILIOS.

Os días 4 e 6 de xuño os alumnos de 4º da ESO tiveron a oportunidade de recibir formación en Primeiros Auxilios nas sesións de Educación Física. Para o desenvolvemento da actividade contouse coa colaboración do Dr. José Palacios Aguilar, director do Grupo de Investigación en Actividades Acuáticas e Socorrismo da Universidade da Coruña.

As evidencias sobre a efectividade desta actividade quedaron patentes a través da comparación dunha enquisa inicial e final pasada a todos os participantes sobre os seus coñecementos e destrezas en primeiros auxilios.

“O máis relevante é que case o 98,3% dos alumnos participantes estarían dispostos a realizar RCP básica e o 100% a usar o desfibrilador, co que é posible que algún día salven a vida de alguén que necesite a súa axuda”.

ROTEIRO CULTURAL E LITERARIO

Os días 5 e 6 de xuño desenvolveuse o Roteiro Cultural e Literario 2018. Este é un proxecto do Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros, xunto co Servizo de Normalización Lingüística, o IES Miraflores e o IES María Casares. Cada curso, o alumnado de 1º BAC redacta as biografías de determinadas personalidades relacionadas co noso concello, coas que se elabora un caderno conmemorativo. Nesta ocasión, os homenaxeados polo Roteiro foron o pintor Antonio Tenreiro Brochón, a xornalista e escritora Anisia Miranda e o coleccionista José María Kaydeda.

Este ano, catro das nosas estudantes foron escollidas para presentar estas traxectorias aos seus compañeiros e a outros escolares oleirenses. Así, nos días sinalados, grupos de estudantes pasaron a mañá percorrendo o concello para lembrar estas figuras.

Nas Torres de Santa Cruz visitaron o Museo dos Oleiros para descubrir a José María Kaydeda e a súa colección de olaría tradicional ibérica. No Auditorio da Fábrica, en Perillo, os estudantes do IES Neira Vilas presentaron a figura de Anisia Miranda. Do seu contacto con esta escritora e co seu marido, Xosé Neira Vilas, tamén nos falou o músico Roi Casal, que nos interpretou algunhas das súas pezas coa harpa. Para terminar, xa na Casa Charry, o museólogo Felipe Senén presentounos algúns dos cadros de Tenreiro Brochón, que foron cedidos pola súa familia para a ocasión.

INVESTIGANDO A VACINA DA VIH.

O mércores 30 de maio o alumnado de 1º A de bacharelato asistiu a un taller práctico de biomedicina  impartido nos laboratorios da DOMUS. O obxectivo do mesmo era participar na investigación iniciada poloInstituto de Investigación da Sida IrsiCaixa, para desenvolver unha vacina contra o VIH.

Os nosos estudantes comprenderon que para desenvolver unha vacina fai falla que o  antíxeno candidato (neste caso proteína pertencente ao VIH) cumpra tres requisitos fundamentais:

Capacidade inmunoxénica comprobada.

Que sexa unha proteína importante no ciclo replicativo do virus.

E por último que sexa universal.

Centrándonos neste último requisito, os nosos incipientes investigadores de 1º de bacharelato analizaron unha rexión do ADN da variante europea, asiática e africana do VIH, que fabricaba a hipotética proteína coa que elaborar a vacina; a fin de determinar, mediante o uso de técnicas moleculares a homoxeneidade e, polo tanto, universalidade de dita secuencia.

Para tal fin realizaron técnicas como a dixestión do ADN con enzimas de restricción, electroforese dos fragmentos en xel de agarosa e visualización por ultravioleta do patrón de dixestión obtido para cada variante.

Trala análise dos resultados foron quen de extraer as súas conclusións científicas.

Parabéns a todo o alumado pola vosa implicación nesta experiencia e grazas ao persoal da DOMUS que tan amablemente nos acolleu!

VISITA A LUGO (CASTRO VILADONGA E MURALLAS)

 

O Departamento de Xeografía e Historia organizou unha saída o luns 28 de Maio. Visitamos o Castro de Viladonga (Castro de Rei) onde coñeceron as características da cultura castrexa (organización, partes dos castros, economía...), e realizaron actividades grupais "in situ" sobre as caracterís-ticas das vivendas (medición das dimensións...). Outro grupo asistiu a un taller de numismática e elaboraron unha moeda como exemplo e recordo da visita.
Despois de xantar á beira do río Miño, dirixímonos á cidade de Lugo (antiga Lucus Augusti romana), onde percorremos parte do seu recinto amurallado, para finalizar cun paseo arredor da Catedral e Praza Maior.

VISITA AQUACIENCIA, CASTELO S. FELIPE E MUSEO HISTORIA NATURAL

O pasado martes 15 de maio os estudantes de 4º de física e química fixeron unha excursión a Ferrol.

Comezamos o día coa visita ao parque temático Aquaciencia,  un espazo para aprender e para xogar co que é o principal elemento deste planeta: a auga.
Seguimos coa visita ao Museo de Historia Natural. No museo puidemos apreciar pequenas coleccións, froito dos moitos anos de traballo de varias xeracións de naturalistas.  O que máis impresionou aos rapaces foi, sen dúbida, o esquelete dunha balea común que preside a exposición dos animais mariños. 

E como remate desta excursión multidisciplinar,  achegámonos ao Castelo de San Felipe, que foi unha das fortalezas militares de Ferrol. 

Grazas á guía puidemos coñecer as estratexias defensivas do século XVI e como este castelo, xunto co da Palma e San Martín, formaban un triángulo impenetrable da entrada por mar a Ferrol. 

En definitiva, foi unha xornada intensa, pero moi gratificante, onde ademáis de aprender aspectos propios da materia, aprendimos un pouco máis de bioloxía e da nosa propia historia.

ANAGNÓRISE

Grazas á colaboración das Bibliotecas Municipais de Oleiros, o alumnado de 1º BAC puido asistir nas Torres de Santa Cruz a unha charla sobre Anagnóriseunha das novelas de María Victoria Moreno, que foi a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2018.

 A actriz e fotógrafa Sole Felloza foi a encargada de descubrirnos algunhas facetas menos coñecidas da escritora e axudarnos a reflexionar sobre os personaxes e o argumento da obra.

PONTEVEDRA VILA DE PONTES

Grazas ás actividades organizadas polo concello de Oleiros, o alumnado de 2º ESO tivo a oportunidade de coñecer a cidade de Pontevedra acompañado por uns monitores que axudaron a ver e interpretar moitos elementos que, doutra maneira, posiblemente pasarían desapercibidos.

 A visita comezou cun paseo pola cidade vella, en que puidemos apreciar como mellora a calidade vida tras un proceso de peonalización das rúas. A continuación, visitamos o Museo de Pontevedra e fixemos fincapé tanto nas salas dedicadas a Castelao como no tesouro de Caldas, un importantísimo achado da nosa prehistoria. A seguinte parada estivo no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais, onde descubrimos as sorpresas que garda o subsolo da zona histórica da cidade.

 Tras unha visita rápida á basílica de Santa María dos Mareantes e comer uns bocadillos á beira do río Lérez, dirixímonos á área arqueolóxica da Caeira, xa no veciño concello de Poio. Alí observamos diversos grupos de petróglifos e cavilamos sobre o simbolismo destes fascinantes gravados rupestres.

CAMPAÑA SOLIDARIA DE AXUDA AOS ANIMAIS DO REFUXIO GATOCÁN.

Os alumnos de Valores Éticos de 2º da ESO A e B, están a levar a cabo unha campaña solidaria de recollida de alimentos e outros obxectos que poidan resultar de utilidade para os cans e gatos sen fogar do refuxio Gatocán.
Para elo, estánse a levar a cabo varias accións:


1º. CAIXAS SOLIDARIAS. Os estudantes colocaron tres caixas no centro (unha ao carón da Biblioteca e outras dúas na entrada) que estarán ata o día 5 de xuño para que toda a comunidade educativa se involucre altruistamente e faga donacións na medida do posible. A protectora Gatocán indícanos que o que máis precisan é penso e latas de comida para cans e gatos. De todos xeitos, deixámosvos aquí unha lista de elementos que serían ben recibidos:

  • Penso ou latas de comida, lambetadas.
  • Correas, colares, camas, comedeiros, cepillos, ...
  • Medicamentos (é fundamental que non estean caducados)
  • Material hixiénico-sanitario: limpadores de oídos, desparasitadores internos e externos, algodón, gasas, betadine, alcol, auga osixenada, toallitas, luvas de látex, xiringas, esparadrapo, soro, tesoiras ...
  • Produtos de limpeza: lixivia, limpadores de chan, lavalouzas, estropallos, baetas, fregonas,...

 

2º. MERCADO SOLIDARIO: Dos días 28 de maio ao 1 de xuño durante os recreos. Onde se venderán lambetadas, sudadeiras, libros, etc...cuxa recaudación será doada íntegramente a Gatocan.

 

3º. SORTEO DUN SMARTWATCH. Todo o alumnado pode participar nunha rifa para resultar gañador dun smartwatch. A obtención dun número na rifa pode conseguirse a partir de 1€.

Animamos a todos e todas a participar nesta acción solidaria e que axude para espertar conciencias sobre as nosas mascotas.

 

Grazas,
Nuria Bello.

Profesora de Inglés e Valores Éticos.

REGUEIFAS

Para continuar a tradición dos últimos anos, a ANPA organizou neste mes de maio un obradoiro de regueifas, ao que asistiu o alumnado de 1º BAC. Os regueifeiros que nos acompañaron nesta ocasión foron Lupe Blanco e Jesús Lema, máis coñecido como Suso de Xornes.

A súa mestría serviunos para coñecer algo máis sobre esta técnica de improvisación oral e para probar as nosas habilidades. Unha das coplas que se compuxeron non podía estar máis relacionada coa semana do 17 de maio:

"María Victoria Moreno

escribindo era estratega.

Por iso lle dedicaron

o Día das Letras Galegas."

Para saber máis sobre a regueifa e a súa actualidade, pódese consultar a web www.regueifa.org.

 

XINCANA LETRAS GALEGAS

O venres 18 de maio celebramos no noso centro o Día das Letras Galegas organizando unha xincana.

A actividade desenvolveuse de 10:10h a 12:30 h e estaba dirixida ao alumnado de 3 e 4 ESO.

As probas que debían realizar estaban relacionadas coa lingua e a literatura galega e principalmente coa figura de Maria Victoria Moreno, a escritora homenaxeada este ano.

A implicación do alumnado e profesorado foi total polo que o Equipo de Dinamización Lingüística, organizador da actividade, agradece encarecidamente toda a colaboración do profesorado e do Equipo Directivo.

Distribuir contido


by Dr. Radut