Skip to Content

blogue deadmin

PARTICIPACIÓN NA FASE GALEGA DA X OLIMPIADA DE XEOLOXÍA

 

Este mércores 13 de febreiro o IES Miraflores participou na fase galega da X Olimpiada de Xeoloxía na facultade de Bioloxía da USC. Representounos un grupo de once alumnos/as de 4ºESO (Celtia, Eva, Julia) e 1º Bacharelato (Bea, Sofía, Lara, Fernando, Diego, Marcos, Tomás e Carlos) que mediron as súas forzas cun centenar de rapaces chegados de todas as partes da provincia. Alí foron calurosamente recibidos polo decano da facultade, a directora do departamento de Edafoloxía e pola responsable territorial da AEPECT Galicia, Laura Fernández.

En primeiro lugar realizaron a competición por equipos. Pasaron a mañá percorrendo o Campus Sur, brúxula en man, identificando rochas e estruturas xeolóxicas na ximcana deseñada especialmente para este evento. A climatoloxía non puido ser máis propicia!

Xa pola tarde tivo lugar a proba individual e a continuación a visita aos herbario da facultade e a interesante charla sobre plantas hiperacumuladoras de metáis pesados.

Este ano o índice de participación foi moi elevado, dobrando o número de participantes con respecto ao ano pasado, indicativo de que a “Xeoloxía” engancha, como ben argumentou Laura desde a tribuna da Aula Magna da Facultade.

Parabéns aos nosos olímpicos por participaren nesta edición! O fixéchedes moi ben!

4º ESO ASISTE Á OBRA DE TEATRO PELOS NA LINGUA E VISITA AO MUSEO DO POBO GALEGO

O martes 12 de febreiro, o alumnado de 4 ESO desprazámonos ata Santiago para asistir á obra teatral Pelos na Lingua no Salón Teatro e representada pola compañía Talía Teatro.

Pelos na lingua é un divertido espectáculo que fala en clave positiva da situación crítica que está a vivir a nosa lingua.

A diversión estaba garantizada...

A continuación participamos nunha xincana polo centro histórico da capital galega...

O bo tempo acompañounos en dita actividade... e disfrutaron moito coa actividade a pesar da calor...

Parabéns ao grupo gañador formado por Charles, Eduardo, Andrés, Roi, Jose Fernando, Sergio, Bruno, Santiago, Pablo, Joel, Manuel, Ángel e Sergio Puertas

Despois de xantar visitamos  o Museo do Pobo Galego o Panteón de Galegos Ilustres  e a Exposición Alba de Gloria de Castelao. na Igrexa de San Domingos de Bonaval...

Sobre as 19h estabamos de regreso.

A actividade estaba organizada polo Departamento de Lingua Galega e de Xeografía e Historia.

ASISTENCIA DE 1º BACHARELATO Á OBRA TEATRAL "ELISA E MARCELA" NO AUDITORIO DE MERA

O venres 8 de febreiro ás 11h o alumnado de 1 bach do IES Miraflores asistiu a representación teatral “Elisa e Marcela” no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera.
O 8 de xuño de 1901 dúas mulleres, Elisa e Marcela, casan na igrexa de Sa Xurxo en A Coruña.

Para conseguir enganar ao cura e facer oficial  o seu amor, Elisa transfórmase en Mario. A voda  e posteriores acontecementos que envolven a súa historia convértenas  no primero matrimonio homosexual do que tenemos constancia en todo o Estado pero tamén  nunhas das mulleres  máis  transgresoras da historia de Galicia.

Elisa e Marcela son un símbolo do desafío ás  do binomio do xénero e da defensa dos  dereitos  das parellas  lésbicas.

O noso alumnado ríu a fartar coas cómicas da Panadaría,  pero tamén reflexionou sobre a necesidade de normalizar unha opción sexual que por desgraza aínda non o é...

A actividade estaba organizada polo Equipo de Noramalización do Concello de Oleiros e o Departamento de Dinamización Lingüística do IES Miraflores.

RESERVA DE PRAZA E ADMISIÓN CURSO 2019/2020

RESERVA DE PRAZA PARA 1º DA ESO.

ENTRE O 1 E O 15 DE FEBREIRO DE 2019.

Os pais/nais ou titores legais do alumnado de 6º de Educación Primaria de centros adscritos, CEIP A Rabadeira e CEIP Juana de Vega, interesados en continuar estudos no IES Miraflores, presentarán no centro de orixe ou a través da aplicación “admisionalumnado” o formulario normalizado (ED550A). Tamén resulta posible presentar solicitudes en  Sede Electrónica da Xunta de Galicia.

As listaxes co alumnado admitido e non admitido (de ser o caso) serán publicadas nos taboleiros de anuncios tanto no IES Miraflores como no dos CEIP o 28 de febreiro como data límite.

Unha vez publicadas as listaxes, de ser admitidos, esta reserva adquirirá carácter vinculante e será incompatible coa solicitude de admisión noutro centro, salvo renuncia expresa e por escrito presentada no centro de adscrición (IES Miraflores) antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión (1 de marzo).

 

ADMISIÓN PARA TODOS OS CURSOS.

ENTRE O 1 E O 20 DE MARZO DE 2019.

Os pais/nais ou titores legais do alumnado de centros non adscritos, interesados en cursar estudos no IES Miraflores, formalizarán a súa solicitude neste centro.

En ningún caso este alumnado deberá formalizar no período anterior a súa solicitude ao seu centro adscrito xa que incurriría nunha duplicidade e a súa solicitude quedaría excluída en ambos os dous centros, no que está adscrito e no que presenta nova solicitude.

As solicitudes de admisión presentaranse:

Mediante o formulario normalizado a través da aplicación de xestión do proceso “admisionalumnado”.

No centro docente indicado como primeira opción e, ademais, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado. Modelo solicitude admisión (ED550B).

COMEZAMOS A CONTA ATRÁS ....

Para obter máis información preme  aquí

RUTA XEOLÓXICA NO BARBANZA

A soleada mañá do 25 de xaneiro o alumnado de 1º de bacharelato participou nunha ruta xeolóxica polo Barbanza dentro da IV edición do programa “descubrindo as rochas que pisas” dirixido polo divulgador e doutor en Xeoloxía Francisco Canosa.

Foi unha oportunidade marabillosa para trasladar os conceptos teóricos aprendidos na clase sobre o campo e comprender que a teoría e a práctica casan perfectamente na natureza.

Identificamos procesos de metamorfismo de contacto e metasomatismo na Praia de Touro, desde o mirador de Corrubedo entendimos que a duna protexida vai acabar cubríndose pola vexetación e convertíndose nunha duna fixa, preto do faro descubrimos a presenza de turba e nin máis nin menos que dunha praia fósil!

Desde a Curotiña contemplamos unha das paisaxes máis fermosas do día perdéndose a nosa mirada entre bateas, illas e nos confíns de cabo Silleiro.

A última lección da xornada foi nas pías e marmitas do Río Pedras (unas formacións causadas pola acción xiratoria de fragmentos rochosos sobre o cauce do río) onde demos por concluída esta actividade. Parabéns a todos os participantes polo voso comportamento e atención!

ÉXITO DA II EDICIÓN DE "EXPORIENTAMIRAFLORES"

Máis dunha trintena de centros de formación profesional, universidades e organismos ou entidades relacionados coa formación e o emprego, reuníronse o xoves 24 de xaneiro no IES  Miraflores de Oleiros para participar na II Edición de  EXPORIENTAMIRAFLORES co lema “ Eu son  eu. Decido  sen escusas”

Esta iniciativa, organizada e cooordinada polo departamento de Orientación, persegue favorecer a madurez vocacional do alumnado enfrontándoo a experiencias que lle fagan reflexionar sobre o seu futuro académico e profesional. Nesta edición tiveron especial relevancia a comunicación, as linguas estranxeiras e o  desenvolvemento da intelixencia emocional como competencias que, sen dúbida, teñen que acompañar ao noso alumnado para poder acceder ao mercado laboral do futuro. Perseguindo estes obxectivos deseñáronse actividades como talleres de árabe, chinés ou xaponés, e iniciación ao mindfulness ou experiencias con cans guías así como charlas e conferencias sobre como falar en público ou a importancia da linguaxe dixital. Nesta xornada de portas abertas tamén se fomentou a participación activa dos pais e nais deseñando talleres nos que participaron específicamente. 

SEMANA BRANCA 2019 EN ANDORRA

A semana do 6 ao 12 de xaneiro un grupo de 112 alumnos e alumnas do IES Miraflores de 1º ESO ata 1º de Bacharelato viaxaron a Andorra acompañados de 6 profesores co obxectivo de iniciarse e perfeccionar o deporte do esquí e snowboard na estación de Grand Valira.

O día da chegada xantaron na cidade de Andorra, distribuíronse nas habitacións do hotel e recolleron o material de esquí a pé de pista. Moitos deles era a primeira vez que se afacían a este material e tiñan que aprender como poñer as botas, levar os esquís, adaptar o casco, etc.

A rutina diaria comezaba por erguerse cedo, almorzar no hotel e dirixirse ás pistas.  Todas as xornadas de 10 a 12 da mañá os alumnos recibiron clases da man dos monitores da Escola Andorrana. Desde o primero día o alumnado distribuiuse en grupos segundo o seu nivel de destreza na disciplina escollida: desde debutantes ata niveis avanzados de esquí ou snowboard.

O tempo non acompañou demasiado nas primeiras xornadas xa que as temperaturas eran bastante xélidas e aínda que nevaba pola noite, a calidade da neve non era a óptima, atopando máis xeo do que é habitual para esta época do ano. Non obstante, iso non menguou as gañas e o disfrute do noso alumnado que deu o mellor de sí nas pistas aproveitando ao máximo as súas clases. Polas tardes chegaría o momento de compartir o aprendido co resto dos compañeiros esquiando en pequenos grupos de forma libre por diferentes sectores da estación.

O mércores pola noite, logo dunha intensa xornada, puideron relaxarse no espazo termolúdico de Caldea o que contribuiu á súa recuperación física para afrontar os dous seguintes días de actividade. Alí gozaron de chorros de auga termal, dunha lagoa exterior con vistas á montaña, jacuzzi, baño turco, etc.

Foron uns días de convivencia excepcionais onde o alumnado de diferentes idades tivo a oportunidade de relacionarse entre sí e co profesorado en diferentes situación nun entorno diferente ao que están acostumados.

Parabéns a todos pola vosa participación!

Máis detalles da experiencia en: https://www.instagram.com/oleirensesnaneve/?hl=es

FELICITACIÓN DE NADAL

Distribuir contido


by Dr. Radut