O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, entregaron hoxe un recoñecemento aos dous mellores expedientes do campus compostelán galardoados cos Premios de Excelencia Académica de Grao correspondentes ao curso 2018/19. Trátase de JUAN MANUEL LORENZO NAVEIRO (estudante de Matemáticas) e de María Allegue Criado (de Maxisterio en Educación Primaria), que estivo representada pola decana da Facultade de Educación por non poder asistir.
Durante o acto o conselleiro de Educación agradeceu o esforzo e compromiso do alumnado universitario que, como dixo, son “os mellores vectores de calidade das nosas universidades” e representan “a Galicia do futuro, do esforzo, do compromiso do traballo ben feito e a Galicia da vangarda e excelencia”.
Román Rodríguez recordou o compromiso da Xunta de Galicia coa excelencia a través destes premios, que van pola súa segunda edición e non existen en outras comunidades autónomas, cos que se pretende motivar o alumnado universitario para mellorar o seu currículo ao recoñecer a súa actitude de compromiso co seu proceso formativo e o seu mérito e esforzo no estudo. “Para nós, estimular o aproveitamento académico significa seguir apostando pola construción dun sistema universitario excelente, competitivo e de calidade”, engadiu.