O 7 de maio, alumnado de 3º de Tecnoloxía, de 4º de Tecnoloxía e Ciencias Aplicadas, de Robótica de 1º de Bacharelato e as 3 alumnas do noso centro gañadoras do I Premio de Poesía Estratosférica desprazáronse ata Ordes, para participar, xunto co alumnado do IES Maruxa Mallo de Ordes, IES Marco do Camballón de Vila de Cruces e IES Xelmirez II de Santiago, no lanzamento da terceira sonda estratosférica da NOSA, a MarumaSat III
Nesta misión, os obxectivos fixaban a recollida de imaxes da Terra, do ocaso diúrno da Lúa, e a realización de dous experimentos biolóxicos: a influencia da radiación ultravioleta sobre a xerminación dunhas fabas e facer posible o nacemento dunha abella na estratosfera. Tamén recoller datos sobre a temperatura, humidade, presión atmosférica, concentración de ozono e índice de radiación ultravioleta; comprobar o comportamento dunha placa solar nas condicións variables ás que está sometida durante o ascenso da cápsula; e obter datos para coñecer a ecuación de despegue da sonda e estudar a estabilidade da mesma.
Ao lanzamento asistiron diferentes personalidades públicas, entre outros Valentín García (Secretario Xeral de Política Lingüística), Ovidio Rodeiro (Delegado Territorial da Xunta) e Jorge Mira (catedrático de Electromagnetismo da USC e divulgador científico), que xa nos propuxo algún reto para o próximo lanzamento.
O alumnado participante no proxecto, inflou o globo, montou os compoñentes da cápsula e fixo a conexión destes elementos co paracaídas de forma perfectamente sincronizada, para ter todo disposto para o lanzamento ás 12:00, hora autorizada por Enaire e o Aeroporto de Lavacolla. Antes fíxose a lectura dos poemas gañadores de cada un dos centros participantes, para poder ser incluídas na cápsula e facer que viaxasen ata a estratosfera.
Unha vez completado o lanzamento, só quedaba esperar que a MarumaSat III chegase ao punto máis alto (o mesmo día do lanzamento fixáronse 33400 m para evitar a súa caída no mar, xa que a traxectoria, influenciada polo vento do Nordés, a aproximaba á ría de Muros-Noia), que o globo estoupara e freada no seu descenso polo paracaídas, caera de novo cara á Terra. A cápsula levaba neste caso 4 dispositivos de localización: unha radiosonda meteorolóxica Vaisala, que recolle datos e proporciona a posición, un GPS, un teléfono móbil, cunha aplicación que nos da a posición, e un emisor de sinais para aves de cetrería.
Todo ía saíndo segundo o previsto, pero por razóns que descoñecemos, cando a cápsula se atopaba a 13700 m e -59 ºC, a radiosonda deixou de enviar os sinais de radio que nos permiten seguir a súa traxectoria con exactitude e, completado o tempo de voo calculado, non foi posible a comunicación co GPS e o móbil xa que se atopaban nunha zona sen cobertura, de xeito que non fomos capaces de localizar o punto exacto de aterraxe e recuperar a cápsula.
Pese o anterior, a partir doutros datos, podemos supoñer que a MarumaSat III aterrou no Concello de Outes, polo que fixemos un chamamento a través das redes sociais da axencia NOSA (en Twitter e Instagram, @marumasat), medios de comunicación e blogs de organizacións e institucións que habitualmente seguen as nosas misións. Contamos tamén coa colaboración do Concello de Outes, quen deu aviso a Protección Civil, Policía Local e Axentes de Medio Rural, e do aeródromo Castriz de Santa Comba, que habitualmente realiza voos en ultralixeiro pola zona por se desde alá arriba puidesen avistar o noso paracaídas vermello.
Agardamos que, xa que a tecnoloxía non funcionou, desta vez sexa a sorte quen nos bote unha man e en breve poder atopar a MarumaSat III e poder contemplar as imaxes gravadas e recuperar os datos científicos para poder traballar con eles no curso seguinte.
Máis se isto non sucede, temos claro que a perseveranza e as aprendizaxes construídas a partir dos erros cometidos, foron e serán sempre dous motores fundamentais no desenvolvemento científico e tecnolóxico, polo que a nosa pequena carreira espacial seguira adiante co lanzamento da MarumaSat IV o vindeiro curso.
Saúde, Terra e Estratosfera!