Radio |
Un novo episodio do programa "Ao son da paisaxe". Desta vez as reporteiras foron Celia, Celtia e Gabriela que investigaron sobre as hortensias e plantas aromáticas que plantamos o curso pasado no patio do IES. |
|||
Antía, Claudia e Lorena, alumnas de 1º ESO, acaban de iniciarse na radio e fixeron un programa especial no que falan sobre algo que lles gusta moito: as excursións.
|
|||
Episodio número 3 do Programa Ao son da paisaxe, nesta ocasión un especial a propósito dos vinte anos da catástrofe do Prestige na costa galega. Noa, Antía, Alicia, Julia, Gabriela, Celtia e Celia explican con claridade os feitos acontecidos hai vinte anos e traen as lembranzas de avós mariñeiros de Ribeira e Carnota. |
|||
As alumnas responsables do programa Ao son da paisaxe presentan o episodio número 2. Gravado nesta ocasión por unha parte do equipo (Noa, Julia, Antía e Alicia) explican como é a primeira plantación de árbores que se realizou no noso IES o curso pasado e dan algúns datos sobre as diferentes especies que se plantaron.
|
|||
Ismael Ramos, este 23 de novembro, faloulle da súa poesía ao alumnado de 2º de Bacharelato e estableceu con eles un diálogo sobre a forza das palabras. Nos 50 minutos que durou a charla organizada polo EDLG, en colaboración co departamento de Lingua Galega, o ex-profesor do noso IES foilles explicando como se animou a publicar poesía e como naceron algúns dos seus poemas. Leulles textos de dúas das súas obras, Lumes e, a recentemente premiada, Lixeiro. Coa comparación de que o poema é coma un paxaro quixo facerlle ver ao público o que significa a poesía, público que tivo oportunidade de preguntarlle no final sobre aspectos diversos da súa traxectoria como escritor. A continuación acudiu á radio, onde as súas ex-alumnas lle fixeron unha interesante entrevista que debedes escoitar para coñecer mellor toda a súa obra.
Para finalizar a xornada no noso IES aínda se achegou á biblioteca para inaugurar a exposición que colocamos para celebrar os 20 anos da catástrofe do Prestige, coa lectura dun artigo que publicara sobre a desmemoria arredor desta traxedia.
|
|||
Achegamos un novo episodio do programa de Entrevistas con Diego, neste caso ao compañeiro violinista Anxo Gómez, que participou nun certame europeo. |
|||
Diego Madarnás comezou de novo co seu programa de entrevistas. Nesta nova temporada, e xa vai a terceira, o primeiro episodio protagonízao o seu compañeiro de promoción: Adrián Campos Villaverde, quen vén de colocarse entre os vencedores do Ceiba Rimas, un proxecto para fomentar o rap improvisado en galego. Non perdades esta interesante entrevista onde Adrián conta como foi esta experiencia. Mario Campos e Erik Cadavid foron os técnicos deste episodio.
|
|||
O curso pasado comezamos a desenvolver un proxecto que se chamou Ao son da paisaxe, e neste ano lectivo comeza un programa de radio co mesmo nome. O primeiro episodio foi gravado por Noa Mesías, Alicia Lariño, Antía Casabella e Julia Montes; tiveron na parte técnica a Erik Cadavid. Neste podcast de arranque explican o programa:
|
|||
Enia Villaverde gravou durante o curso pasado varios podcast do seu programa Despois de todo e de todos, aquí e agora, mais non foi quen de rematar a gravación do último episodio antes das ABAU. Nunha demostración de formalidade e compromiso co traballo do EDLG, achegouse ao IES en xullo, durante as vacacións, para finalizar esta interesante reflexión. Aquí vos queda o seu traballo, esperamos que o desfrutedes.
|
|||
Xa arrancamos coa radio neste curso 22-23 coa novidade de que estreamos local. No final do curso pasado comezamos co baleirado dun pequeno almacén para reconvertelo a estudo de radio. As dimensións non son moitas, pero quedou moi ben arranxadiño e fainos o apaño necesario.
Hai tres grupos de alumnos e alumnas que xa participaron neste proxecto o curso pasado e xa se puxeron co deseño dos seus programas de podcast para a nova temporada. Algúns van ter continuidade (radio-teatro, entrevistas...) pero tamén aparecen outros programas novos, por exemplo "Ao son da paisaxe". Noa, Alicia, Antía e Julia xa gravaron o primeiro episodio que se vai publicar en breve. Ademais estamos moi contentas de que se incorporasen alumnas novas en 2º ESO.
E este ano, como temos un espazo específico, xa puidemos comezar a formación do alumnado de 1º ESO que se achegou a nós ilusionado co proxecto da radio. Erik Cadavid está a axudar coa formación na parte técnica. Xa veredes como de seguida imos ter xa algúns programas feitos pola rapazada máis nova do IES. |
|||
O último programa de "Entrevistas con Diego" deste curso estivo dedicado ao xadrez. Entrevistou, para o que xa é o podcast número 11, a dous xadrecistas da súa idade, un compañeiro no IES do Milladoiro, Mauro Araújo, e o outro Eduardo Cabanas, que reside en Bertamiráns pero estuda no IES Xulián Magariños de Negreira. Coa axuda de Mario Campos e Hugo Mateos na parte técnica, preparou este programa especial que, sexades ou non afeccionados ao xadrez, non debedes deixar de escoitar.
|
|||
O pasado mércores, 15 de xuño, tivemos a honra de que viñese ao centro o célebre escritor e veciño de Ames, Manuel Núñez Singala. Despois de lermos a súa obra Comedia bífida e escoller dúas escenas para dramatizalas na radio, convidámolo ao centro para facérmoslle unha entrevista centrada na obra que lemos. Colaborou connosco Diego Madarnás. Deixámosvos abaixo o enlace para que poidades escoitala. Pareceunos unha persoa moi cercana, que nos contestou con moito interese. Chamounos á atención o seu compromiso co seu traballo como normalizador lingüístico e coa lingua. Fíxonos unhas reflexións moi interesantes que nos gustaría que escoitásedes. Aproveitamos que veu ao centro para que nos asinase todas as obras que tiñamos del na biblioteca.
Artigo feito por: Marta Mayo, Paula Lourido, Sara Martínez e Paula Mosquera
|
|||
Un grupo do alumnado do EDLG que participa na radio decidiu este curso facer teatro lido. Escolleu para iso a coñecida obra de Manuel Núñez Singala Comedia bífida e nela seleccionou dúas escenas, a do xuízo a Diña e mais a do xuízo ás xemelgas Lina e Lana e que podedes oír nos enlaces que vos deixamos. Remataron o programa cunha entrevista ao autor que publicaremos proximamente.
|
|||
Xa falta pouco para que o alumnado de 4º ESO e 1º de Bacharelato faga a súa esperada saída á neve. Tres alumnas de 1º ESO que se ocupan do programa de deportes (Alicia Lariño, Noa Mesías e Antía Casabella) entrevistaron a Antonio Aguín, xefe do departamento de Educación Física e organizador da viaxe á neve que se realiza no centro desde hai anos, pero que tivo un parón o curso pasado debido á pandemia.
|
|||
Neste novo episodio do programa de Diego Madarnás "Entrevistas con Diego" preséntasenos un faladoiro moi interesante coa profesora e escritora María López Sández, residente no noso concello. A narradora e ensaísta estivo a falar das súas obras, do proceso de creación (sobre todo d'O faro escuro) e de varios aspectos interesantes no encontro que tivo con Diego no noso IES cando foi convidada para ser entrevistada. Nas vésperas do Día de Rosalía, lembramos que María López Sández ten investigado moito sobre a autora de Follas novas e, máis concretamente, sobre un tema no que estamos este ano implicadas: os espazos naturais e a paisaxe na súa obra. Lembramos que ten unha unidade didáctica titulada precisamente Paisaxes literarias na obra de Rosalía de Castro.
|
|||
Temos un novo episodio do podcast de Deportes. Esta vez está centrado no programa "Recreos activos", que se desenvolve no noso IES. Para coñecer todo sobre el, dous reporteiros entrevistaron o profesor de Educación Física e coordinador da actividade, Antonio Aguín. |
|||
Temos novo episodio do programa que dirixe Enia Villaverde Despois de todo e de todos, aquí e agora. Esta vez reflexiona sobre o sentido que lle damos ao tempo. Estamos atrapadas polo reloxo? O tempo é ouro? Realmente... non temos tempo? Non deixedes de escoitalo!
|
|||
Despois de todo e de todos, aquí e agora é o programa de podcasts que dirixe Enia Villaverde e que bota a andar agora. Con periodicidade, que pretende ser semanal, vai subir algunhas das súas reflexións ou algúns textos que de vez en cando lle gusta escribir e que quere compartir. Busca que as persoas que a escoiten reflexionen sobre o que está a pasar no seu día a día. Aquí temos o primeiro programa, titulado O murmurio do medo:
|
|||
Uxía e Rosa deixan a súa selección de novas da semana, tanto da contorna do Milladoiro coma do mundo de fóra: |
|||
Neste episodio, o número 4 do programa Sinag, conducido por Yomara Ferreiro, o tema é a fibromialxia, unha enfermidade aínda moi descoñecida para a maioría da poboación.
|
|||
Volve Yomara Ferreiro co seu programa Sinag. Desta vez fainos un episodio entretido, ao tempo que reflexivo, a partir de citas de cine e literarias.
|
|||
Inauguramos unha sección dedicada aos deportes no MillaFalaDoiro. Este primeiro programa está centrado na patinaxe artística e as realizadoras do podcast foron Saínza Ruíz, Noa Mesías e Alicia Lariño. Ofrecen información básica sobre este deporte que elas practican e entrevistan a Álex, adestrador do Club Compostela.
|
|||
O alumnado de 1º ESO estivo a traballar a creación literaria, concretamente os microrrelatos. Noa Mesías, Alicia Lariño e Saínza Ruíz realizaron este podcast para presentalos e participaron algúns compañeiros e compañeiras tamén lendo os seus. Non perdades de escoitalos:
|
|||
No MillaFalaDoiro, a Radio do IES do MIlladoiro, acabamos de estrear novo programa. Tiitúlase "Novas de aquí e acolá" e pretende ter a comunidade educativa do IES ao tanto do que ocorre dentro do IES durante cada semana, pero tamén dalgunhas cuestións de interese que ocorren no noso concello e mesmo polo mundo adiante. Certo é que polo mundo pasan moitas cousas, pero Rosa Mosquera e mais Uxía Reyes (as directoras do programa) son as que escollen aquelas máis relevantes. Deixámosvos o seu primeiro programa. Hai que estar pendentes de cando saian os seguintes programas e, se algo queredes contar, non dubidedes en contactar con elas. |
|||
Neste Podcast Diego Madarnás entrevistou a María Lobo (da Asociación Agareso) que estivo no centro o pasado luns 13 de decembro
|
|||
Diego Madarnás continúa este curso 2020-2021 co seu programa Entrevistas con Diego. A primeira entrevista desta nova temporada fíxolla á compañeira Alba Diez, que -como xa sabedes- vén de recibir o Premio extraordinario da ESO. |
|||
O curso pasado rematamos a nosa aventura radiofónica cunha experiencia ben bonita: contando contos infantís para o alumnado do concello, en especial para os alumnos e alumnas da EEI do Milladoiro. Este ano comezamos contando un que nos gusta moito e que as alumnas que organizaron o programa Contámosvos un conto queren dedicar de novo ao alumnado da EEI e a todo o do concello, pero sobre todo ao que se incorpora este curso en 3 anos. Esperamos que vos guste e que o desfrutedes moito!
|
|||
Comezamos coa radio no curso 2021-2022. Abrimos un programa novo ao que lle chamamos O Magazine do MillaFalaDoiro. Aquí imos ir integrando programas variados que o alumnado vaia gravando pero sen que formen parte de podcast temáticos. O primeiro podcast fíxoo Celia Sánchez, alumna de 1º ESO, que se estreou na radio agora. Fíxoo cun episodio ben interesante titulado "Quen ten cu, ten medo", no que falou das lecturas de medo que tiñamos na biblioteca co gallo do Samaín.
|
|||
Neste último trimestre a rapazada do ENDLG de 1º e 2º ESO estiveron a ensaiar e gravar contos infantís. Para que? Pois para compensar que non puidemos ir coma outros anos á EEI do Milladoiro, por mor da pandemia. Daquela, mandáronllelos en audio, seguindo as súas peticións e aínda lles gravaron algún máis de agasallo. Escoitádeos que vos van gustar!
|
|||
No último episodio do programa de Diego Madarnás "Entrevistas con Diego" remata cunha entrevista á compañeira Lucía Sobrado, á que tamén entrevistou no primeiro episodio do seu programa. Esta vez falou con ela sobre o proxecto que levou a cabo para combater a pobreza menstrual, un proxecto solidario realizado en colaboración coa fundación FABRE.
|
|||