Un grupo de 32 alumnos de 3ºESO estivemos en Dublín do 21 ó 25 de marzo nunha excursión organizada polo departamento de Relixión. Camiñamos moitos quilómetros (cerca de 50) visitando os lugares máis coñecidos de Dublín, como, por exemplo, o castelo, as catedrais de St. Patrick e Christchurch, St. Mary’s Pro-cathedral, a zona do porto e a de Temple Bar e tivemos visitas guiadas en inglés nas que nos decatamos de que entendemos máis inglés do que cremos. A primeira foi no Chester Beatty library, alí faláronnos das diferentes relixións e as súas características principais. Despois, no Little Museum of Ireland, onde puidemos aprender distintos aspectos de Dublín. Tamén tivemos un guía irlandés na igrexa de St. Michan e falounos da orixe e a historia das momias que fomos ver na cripta, así como que o escritor Bram Stoker se inspirou nos cadáveres desta igrexa para escribir o seu famoso libro Drácula. A guía canadense que nos acompañou no Trinity College explicounos a vida universitaria e a historia dalgúns dos edificios. Tamén entramos na famosa biblioteca, onde vimos o evanxeo de Kells e unha arpa céltica de hai 500 anos, que é a imaxe que figura no anverso das moedas de euro irlandesas. Ademais de todos estes sitios, quedan no noso recordo as ceas que fixemos na cociña do “hostel” cos nosos compañeiros e o bo ambiente que houbo entre nós nos poucos momentos de lecer que a intensa axenda de visitas en Dublín nos permitiu. Velaquí unha mostra en fotos das experiencias vividas.
|
|||