COLABORACIÓN ENTRE O DEPARTAMENTO DE DIDÁCTICAS APLICADAS DA USC E O IES DO MILLADOIRO

                  

Colaboración entre o Departamento de Didácticas Aplicadas da USC e o IES do Milladoiro

No curso 2016/2017 o IES Milladoiro participa nun proxecto de investigación educativa vinculado á Universidade de Santiago de Compostela. O grupo de investigación RODA (GI RODA), pertencente ao Departamento de Didácticas Aplicadas da Facultade de Ciencias da Educación, promove desde un dos seus campos de estudo a avaliación de metodoloxías innovadoras e inclusivas dentro das aulas de secundaria, así como a avaliación da consecuente aprendizaxe do alumnado. O obxectivo primordial deste traballo de cooperación é fomentar experiencias educativas máis ricas e interesantes para o alumnado de secundaria.

O IES Milladoiro amosou disposición a abrir as portas dalgunha das materias que imparte (por exemplo, Paisaxe e Substentabilidade-Proxectoterra) para permitir unha observación participante nos grupos de 1º da ESO. Esta observación, traballo e colaboración co GI RODA ten unha representación clara no centro en Tania Riveiro Rodríguez, a investigadora en formación que no marco da súa tese de doutoramento axudará na materia de Paisaxe e Substentabilidade á docente María López Álvarez. A doutoranda analizará no marco teórico da paisaxe o avance e profundidade acadadas na aprendizaxe das rapazas e rapaces de 1º da ESO. O GI RODA apoiará economicamente a creación de materiais e a utilización de recursos para conseguir unha experiencia de traballo na aula moito máis enriquecedora para todos os estudantes.

Asemade, tamén se levará a cabo a colaboración con Lucía Pardo Moure quen, xunto ao Departamento de Orientación, buscará de analizar a posibilidade de conseguir adaptar curricularmente certos contidos traballados na anterior materia naquelas aulas e con aquel alumnado que as orientadoras do centro traballen nos vindeiros meses. Ese traballo, apoiado do mesmo xeito polo GI RODA, parte dunha investigación de mestrado que busca potenciar unha educación integradora e inclusiva.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar