O poema é coma un paxaro

Ismael Ramos, este 23 de novembro, faloulle da súa poesía ao alumnado de 2º de Bacharelato e estableceu con eles un diálogo sobre a forza das palabras. Nos 50 minutos que durou a charla organizada polo EDLG, en colaboración co departamento de Lingua Galega, o ex-profesor do noso IES foilles explicando como se animou a publicar poesía e como naceron algúns dos seus poemas. Leulles textos de dúas das súas obras, Lumes e, a recentemente premiada, Lixeiro. Coa comparación de que o poema é coma un paxaro quixo facerlle ver ao público o que significa a poesía, público que tivo oportunidade de preguntarlle no final sobre aspectos diversos da súa traxectoria como escritor.

A continuación acudiu á radio, onde as súas ex-alumnas lle fixeron unha interesante entrevista que debedes escoitar para coñecer mellor toda a súa obra.

 

Para finalizar a xornada no noso IES aínda se achegou á biblioteca para inaugurar a exposición que colocamos para celebrar os 20 anos da catástrofe do Prestige, coa lectura dun artigo que publicara sobre a desmemoria arredor desta traxedia.