II Encontro de Alumnos de Música de Secundaria e Bacharelato de Galicia
A Asociación de Profesores de Música de Secundaria e Bacharelato de Galicia celebrou o día 26 de abril en Vilagarcía o "II Encontro de Alumnos de Música de Secundaria e Bacharelato de Galicia", unha actividade que reuniu a estudantes de quince institutos galegos, que interpretaron pezas musicais da terra, xa que este ano o tema elixido para este encontro foi a música creada en Galicia.
Durante toda a mañá o Auditorio vilagarcián converteuse nun fervedoiro musical no que adolescentes de distintos puntos da xeografía galega foron os protagonistas. Ademais dos catro de O Salnés, IES A Basella (Vilanova), IES Miguel Ángel González Estévez (Vilagarcía), IES Fermín Bouza Brey (Vilagarcía) e IES de Vilalonga (Sanxenxo), tamén participaron os centros educativos Antón Losada Diéguez (A Estrada), Mestre Landín (Marín), Ribeira do Louro (Vigo), Rosais II (Vigo), Ramón Menéndez Pidal (A Coruña), Terra de Trasancos (Narón), Ortigueira (Ortigueira), Conde de Fenosa (Ares), Breamo (Pontedeume), Antonio Orza Couto (Boqueixón) e o IES Salvaterra de Miño (Salvaterra).