Skip to Content

Ligazóns importantes

 Emails do profesorado           Horarios de atención a nais e pais                                               

2018/2019

Día do libro

 

De novo, unha grande idea da nosa compañeira Almudena Suárez para festexar o libro e a lectura.

Nesta ocasión convidounos a ler algúns daqueles contos infantís que todos nós coñecemos de pequenos pero que agora foron  reescritos baixo unha nova perspectiva baseada especialmente nos temas que nos preocupan hoxe en día e, que por desgraza, teñen como contexto aos nosos alumnos e alumnas (bullying, os problemas da muller na sociedade, etc...).

A actividade desenvolveuse o día 23 de abril (Día do Libro) e consistiu na lectura (por parte do profesorado e dalgúns alumnos e alumnas) deses contos nas aulas, tentando crear unha atmosfera cálida e de implicación do alumnado.

Foi unha xornada moi especial, por iso incluímos un audio de exemplo para que todos vós tamén poidades gozalo.

 

 

Os alumnos e alumnas de 1ºESO A e 1º ESO C coa profesora de Lingua Castelá, Catalina, dramatizaronuna versión ben curiosa do relato “Blancanieves”

Se vos queredes  divertir un chisco, podedes premer no vídeo que recolle a estelar actuación:

 

Día das Artes Galegas no Mendiño

 

O 1 de abril de 2019 vimos de celebrar o Día das Artes Galegas dedicado á figura de Luís Seoane. Tendo presente esta efeméride, o Equipo da Biblioteca do IES Mendiño de Redondela quixo realizar unha homenaxe a esta figura fundamental das Artes Galegas na cal colaboraron os departamentos de Lingua Castelá, e de Lingua Galega e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do noso centro.

Partindo da temática anual das Bibliotecas Escolares, Poéticas diversas na Biblioteca Escolar, elaboramos unha versión ampliada da ilustración realizada por Luís Seoane para o volume monográfico titulado “Presencia de Galicia”, que foi publicado por Ediciós do Castro no ano 1975 para os Cadernos do Laboratorio de Formas de Galicia (vol. 3). Nesa ilustración Luís Seoane deseña unha árbore literaria onde fai un percorrido pola Literatura Galega, partindo das raíces (nas cales sitúa a transmisión oral, a tradición, a historia, a mitoloxía...), pasando polo tronco e primeiras ramas da lírica trobadoresca galego-portuguesa (onde salienta autores como Afonso X, Pero Meogo, Martín Codax ou Don Dinís) e chegando ás ponlas dedicadas ás figuras de Rosalía de Castro, Curros, Castelao ou Risco, entre outras. Empregamos para facelo papel branco, rotuladores permanentes, lapis e xis de cor.

Alén disto, o alumnado de 4º da ESO e o profesorado que se uniu á homenaxe realizaron textos líricos creativos, tomando como base textos orixinais das figuras e épocas literarias presentes no deseño de Luís Seoane. Eses textos creativos foron situados arredor do deseño e unidos a este mediante cordas, xuntando,  deste  xeito,  arte  e  poesía,  é  dicir,  a  nosa homenaxe a Luís Seoane no Día das Artes Galegas 2019 e as actividades que circunscribimos a Poéticas diversas na Biblioteca Escolar no IES Mendiño.

Participaron na elaboración do deseño e dos textos literarios o alumnado e profesorado das materias de Literatura Universal, Lingua castelá e literatura e de Lingua e literatura galega, respectivamente, dos niveis académicos de 1º de Bacharelato e 4º da ESO, así como o profesorado dos devanditos departamentos e do EDLG.

Así mesmo, complementamos a nosa homenaxe coas infografías que Patrimonio enviou ao centro pola efeméride.

 

 

 

 

Día da muller traballadora

 

O alumnado de Relixión, coa súa profesora Almudena Suárez á cabeza, quixeron conmemorar o Día da Muller Traballadora con algo especial, creativo e moi visual :  fabricar monecas fofuchas.

As monecas representan cada unha delas a mulleres en profesións pensadas sempre en masculino : bombeiras, médicas, mecánicas, etc.. , e todas elas baixo o lema : “PODES SER O QUE QUEIRAS”.

Xunto con isto, tamén engadiron a idea do paraugas que simboliza o abrigo das gotas de choiva  “NON MO DIGAS MAIS”,  coas típicas frases que día a día moitas de nós temos que escoitar en referencia á nosa condición feminina.

A exposición encantounos por todo o que representa, polo traballo fantástico dos alumnos e alumnas e pola explosión de colorido que nos recibe na entrada do centro.

 

 

Concurso de Relatos Curtos do Samaín

 Os nosos parabéns para todos os rapaces e rapzas que participaron no concurso de relato curto organizado pola biblioteca, e moi especialmente para os tres gañadores que agora vos presentamos xunto co relato premiado. Podedes ler estas historias premendo no título:

 

Primeiro premio: Ainhoa García Lamas (4ºESO A):   "O meu destino"

 

Segundo premio: Nuno Gallego González (2º BACH B): "Tesoiras"

 

Terceiro premio Eva Darriba Cabaleiro (1º ESO C): "Tres obxectos e unha pantasma"

 

     

24 de outubro: Día das bibliotecas escolares

O día 24 de outubro celebramos no I.E.S. Mendiño o día das bibliotecas  escolares.

Para conmemorar esta data invitamos a todos os alumnos e alumnas a visitar a biblioteca no recreo e nesta visita agasallámolos cun libro e cun marcapáxinas.

Como se aprecia nas fotos, houbo unha grande afluencia do alumnado. Todos eles mostráronse encantados de poder elixir un libro, ou incluso un DVD, pero para nós, o máis importante foi que coñeceran a biblioteca, xa que moitos deles son alumnos e alumnas novos no centro.

Tamén grazas ao departamento de lingua castelá e a colaboración co alumnado de 1º de ESO levamos unha mostra das novas adquisicións ao patio exterior e na entrada do centro e repartimos diversos poemas ás persoas que se achegaron a ver o material exposto.

Foi unha experiencia estupenda para moitos.

 

 

Distribuir contenido

 

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



by Dr. Radut