Skip to Content

Ligazóns importantes

 Emails do profesorado           Horarios de atención a nais e pais                                               

Charlas

Encontro con Xurxo Souto

Grazas á nosa profesora Mónica Places Torrado. tivemos o pracer e a honra de que Xurxo Souto, escritor, músico, contador de historias... estivese no noso centro o 18 de xuño. Foron os propios rapaces e rapazas de ESO os que o presentaron.

E a buguina (ou corneta, como nós lle chamamos) de Xurxo Souto anuncionounos a chegada ao porto: o curso daba as boqueadelas e o noso Plan Proxecta sobre o Mar tamén.

Co berro compartido de “Medra o mar!, Medra!”, surcamos historias de mariñeiros galegos afoutos, destemidos e bravos como o mar alto, pero tamén engaiolantes, tenras e agarimosas como o mar en calma chicha.

A cafetaría do noso centro atronaba co noso cantar “Xan Carallás, mariñeiro; Xan Carallás borrachón...”

A carta mariña percorría lugares nosos, desde Fisterra á Guarda, pousando en Cesantes, en Redondela, na Portela, en Rande... Pobos cosmopolitas con grandes e pequenos heroes mariñeiros. Historias que falaban de nós, que nos envolvían, que nos levaban por un ronsel máxico e enfeitizador.

Notas melodiosas e riseiras do seu acordeón; un coro de rapaces e rapazas, de mestres e mestras... que, xunguidos pola solidariedade do mar, bailaban nunha cafetaría convertida en barco ou peirao; tanto ten.

 

 

 

7 de maio: ALBERTE ROMÁN

O luns 7 de maio de 2018 o xeógrafo redondelán Alberte Román tivo un encontro co alumnado de 1º ESO. A través do seu relatorio, titulado “A lectura do territorio”, compartiu o enfoque que a xeografía pode aportar para coñecer e interpretar o medio natural que nos rodea. Cunha abondosa información gráfica, Alberte Román presentou diferentes enfoques para nos achegar ao medio natural, en concreto ao da enseada de San Simón e a vila de Redondela: a propia observación do medio, a análise da toponimia e a utilización da cartografía, tanto a actual como a histórica. A partir destes tres elementos reflexionouse como o medio natural está en constante transformación e a influencia da acción antrópica na aceleración das mudanzas nos últimos séculos.

 

 

23 de abril: CARLOS ANTUÑA SOUTO

CARLOS ANTUÑA SOUTO (Vicepresidente do Seminario de Estudios Redondeláns) ten un encontro cun grupo de 4º de ESO que lle vai realizar unha entrevista sobre “A orixe e as funcións das Confrarías”. Velaquí algúns momentos deste encontro.

 

 

 

18 de abril: J. ANTONIO ORGE QUINTEIRO

J. ANTONIO ORGE QUINTEIRO (presidente do Seminario de Estudios Redondeláns) fala co alumnado de 4º de ESO sobre “As illas de San Simón e Santo Antón ao longo do tempo”. Aquí vos deixamos algúns extractos da súa charla.

 

 

 

 

 

 

 

 

Distribuir contenido

 

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



by Dr. Radut