O pasado mércores, 11 de abril, o Club de Lectura Quiosco Cocó reuniuse para intercambiar opinións sobre da obra escollida, Engurras. Tiñamos a opción, como noutras ocasións, de ver a película e/ou ler o libro.
A obra resultou emotiva para todos nós e estivemos de acordo en que, a pesar da dureza e tristura que se asocia aos temas nos que se centra (a vellez, a soidade, o alzheimer…), o tratamento é o correcto, sobre todo porque son temas nos cales se corre o risco de caer no dramatismo ou de non profundizar o suficiente neles.
Outro dos aspectos salientables foi o emprego do humor a través de certas escenas e de certos personaxes, o que contribúe a desdramatizar a historia en momentos dados.
Á fin, e como era inevitable, a nosa charla acabou centrándose no problema da vellez e en cuestións como os casos de dependencia, e concretamente no caso do alzheimer. Todos coincidimos en que non estamos preparados, pese a que cada vez é un problema máis frecuente, para enfrontármonos a esta enfermidade. Falouse da conveniencia de que as familias contasen cun apoio a nivel médico, psicolóxico, económico, etc. para poder afrontala. Ninguén nos prepara, ninguén nos avisa do que lle vai suceder ao enfermo e iso fai que a sensación dos que convivan con el sexa de incertidume e ansiedade constante. Doutra banda, tamén varios dos presentes fixeron referencia ao feito de que en moitísimos casos, o mal non se visibiliza con normalidade; hai, nalgunhas ocasións, como unha tendencia a ocultalo no sentido de evitar falar del, de manter (ás veces por necesidade) o enfermo e os que o rodean dentro da casa ou dentro dun centro e non falar do problema fóra. Prepárannos (incluso a través dos currículos escolares) para ver con normalidade outras enfermidades, para aceptar e saber como xestionar o tratamento doutras incapacidades, para tratar de integrar en todos os ámbitos da sociedade a persoas con problemas físicos e psíquicos, pero o alzheimer permanece aí, como oculto, tan só se fai patente cando unha persoa famosa confesa sufrilo. Queda, pois, moito camiño por percorrer.
Pese a todo, o libro (que non a película, segundo aqueles que a viran) ten un final cheo de esperanza, que nos permite rematar a súa lectura cunha certa sensación de reconforto.
E é que, cando xa viamos o ascenso do noso protagonista a ese andar ao que todos temían, tras dunhas páxinas en branco que criamos que representaba o fatídico final, atopámonos con outro final posible que consegue que pechemos as tapas do libro cun sorriso nos beizos.