O luns, 13 de maio celebramos a última xuntanza deste curso do noso club de lectura “Quiosco Cocó”. Nesta ocasión, o libro elixido foi Redondela a través do tempo, escrito polo redondelán José Antonio Orge.
Quixemos rematar o curso lendo dun xeito diferente: a través de imaxes. As fotografías deste libro sorprenderon aos nosos rapaces e rapazas, pois moitos deles non eran quen de recoñeceren lugares polos que andan hoxe en día. Daquela, as imaxes servíronnos para coñecermos como eramos, para facérmonos críticos perante dos cambios que se ocasionaron ao longo do tempo, e aínda se están a ocasionar; e, asemade, serviron para entendermos mellor moitos dos nosos costumes, das nosas tradicións…; en definitiva, da nosa maneira de ser.
Foi este un libro que agradou a todos: novos e vellos, e actou como elo de dúas xeracións diferentes presentes no noso club: os maiores (nais e profesorado) e os novos (alumnado).
Queremos agradecer, e animar desde aquí ao autor do libro, José Antonio Orge, a seguir realizando traballos a prol da investigación de aspectos culturais, históricos… que atinxen ao concello de Redondela, xa que coidamos non faltarmos á verdade se dicimos que posiblemente sexa esta a persoa que máis sabe sobre Redondela. A enorme información proporcionada, o agarimo desprendido das súas verbas entusiastas, por veces ledas e por veces tristeiras cando falaba da súa vila, o enorme interese por coidala, por dala a coñecer… deixounos gratamente abraiados.
Xa que logo, os nosos parabéns e o nos agradecemento por roubar, una vez máis, parte do seu tempo libre e agasallárnolo de xeito totalmente desinteresado aos membros do Club de Lectura “Quiosco Cocó”. E o noso agradecemento tamén á Casa da Torre por proporcionarnos os libros que fixeron posible que esta actividade se levase a cabo.
Queremos finalmente animar, desde aquí, a que máis nais e pais e máis alumnos e alumnas participedes no noso club de lectura: ler, falar e compartir, coa compaña dese chocolate con churros que tan ben prepara o noso Fon. E agardamos que o curso vindeiro xa estea de volta connosco o noso compañeiro Xabier, motor fundamental e imprescindible do noso “Quiosco Cocó”.