Skip to Content

Ligazóns importantes

 Emails do profesorado           Horarios de atención a nais e pais                                               

Mendi forum febreiro 2023

 

VENRES 10 DE FEBREIRO

 

Co gallo da celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, o alumnado de 1º Bacharelato de Ciencias asistiu a unha charla divulgativa a cargo de Elsa Vázquez, catedrática da Universidade de Vigo. A temática da charla foi como afecta o cambio climático ás principais especies de bivalvos que se marisquean nas rías galegas. Centrouse sobre todo na mortandade dos tres tipos de ameixas e dos berberechos debida ao incremento da temperatura do sedimento mariño, así como nas investigacións e probas de laboratorio que están a levar a cabo"

 

 

 

 

 VENRES 10 DE FEBREIRO

Ese mesmo día, desta volta o alumnado de 2º de Bacharelato de Ciencias asistiu a unha charla a cargo de Julia Serra Rodríguez, catedrática da Universidade de Vigo e investigadora do grupo Novos Materiais.

A Dra. Serra comezou analizando a posición da muller na ciencia: pasado e presente; ámbito nacional e internacional; diferentes disciplinas. Posteriormente explicounos algúns dos proxectos de investigación que está a desenvolver na actualidade co seu equipo, así como os resultados obtidos ata o de agora e posibles ideas de traballo no futuro. Serra destacou especialmente a relevancia do traballo interdisciplinar na investigación, a través da súa propia experiencia, posto que o seu equipo está formado por profesionais de diferentes áreas científicas: bioloxía, farmacia, química, enxeñaría.

Durante a charla, puidemos coñecer de preto diferentes materiais que a Dra. Serra compartiu co alumnado, para que puidesen observar exemplos reais das aplicacións dos novos materiais á biomedicina. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

PRESENTACIÓN DO LIBRO 58/885 MULLERES NOBEL

 

 

O pasado xoves 9 de febreiro foi un día moi importante na historia do IES Mendiño. Celebramos a presentación do libro “58/885 Mulleres Nobel”, que recolle as biografías das 58 mulleres que recibiron o Premio Nobel e que foi realizado ao longo do curso pasado.

As biografías, elaboradas polo alumnado matriculado en Relixión Católica de 4º ESO B e 1º Bacharelato, van acompañadas de cadanseu retrato das gañadoras, elaborado polo alumnado de 3º ESO. Un traballo laborioso que contou coa colaboración de case un centenar de mendiñas e mendiños baixo a coordinación da profesora do centro Almudena Suárez Cerviño.

A presentación tivo lugar ás 12:30 horas no salón de actos do centro e contou coa presenza de todo o alumnado que participou no mesmo. Asemade, tamén asistiu a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e a Concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa.

O acto comezou cunha actuación musical do alumnado de 1º de Bacharelato matriculado en Música que interpretou unha peza musical acompañado ao piano pola profesora de Música do centro, Lucía Nores. Deseguido, da man de Mónica Sueiro, tivemos a sorte de desfrutar do espectáculo “Subterránea”, unha acción escénica que reivindica e visibiliza a figura de moitas artistas que foron silenciadas ao longo da historia e que para moita xente son unhas descoñecidas, pois habitan nun territorio invisible.

Chegou despois a hora dos agradecementos. A profesora Almudena Suárez Cerviño agradeceu o traballo desenvolvido polo alumnado, e salientou a sorte que supuxo para ela coordinar tanta creatividade. Asemade, tamén lle agradeceu ao Concello de Redondela a subvención do libro e o agasallo dun exemplar do mesmo para cada alumna e alumno do centro e para os centros educativos de Redondela. Finalmente, agradeceu tamén a colaboración da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a través do Plan Proxecta “Por 365 días de respecto e igualdade” co que conta o centro.

Pola súa banda, Digna Rivas, despois de felicitar ao alumnado e á profesora que coordinou o libro, manifestou que estabamos “diante dun dos libros máis importantes do municipio, por como nace como resultado dun traballo conxunto e tamén polo seu contido, xa que serve para denunciar esa invisibilización da muller en todos os ámbitos e tamén nos prestixiosos premios Nobel”.

Rematou o acto coa entrega dun exemplar do libro a cada alumna e alumno do centro e coa inauguración da exposición “58/885 Mulleres Nobel”, coordinada polas profesoras Almudena Suárez Cerviño e Raquel Fernández Fidalgo na que se recollen os retratos das Mulleres Nobel, retratos que van acompañados dun código QR a través do cal se accede á biografía correspondente. A exposición estará no IES Mendiño e despois poderedes visitala no Multiusos da Xunqueira, antes de comezar unha viaxe por distintos centros educativos.

 

Velaquí unhas fotos que ilustran o que vimos dicindo:

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 E, para rematar, deixámosvos uns enlaces nos que podedes atopar a nova da presentación nos medios de comunicación:

https://m.facebook.com/story.php?story_fbid=pfbid02hif345M54TtJbrLkrrqGzcz2Du5zE4JxQLitnpE3iCNS4C1EVvqfVUEbJiZPtWe9l&id=100069605945123&sfnsn=scwspmo

 

https://onoticieiro.gal/pontevedra/58-885-un-libro-do-ies-mendino-para-visibilizar-e-por-en-valor-as-mulleres-nobel-da-comezo-as-actividades-de-redondela-polo-dia-da-muller-na-ciencia/

 

https://www.farodevigo.es/comarcas/2023/02/10/alumnos-ies-mendino-rescatan-olvido-82748742.html?utm_source=whatsapp&utm_medium=social&utm_campaign=btn-share

 

https://www.atlantico.net/articulo/redondela/redondela-busca-visibilizar-mujer-cientifica-mas-jovenes/20230209231037967034.html

 

·      

·   Parabéns e grazas a todas as persoas que fixestes posible este soño!!!!!!

 

 

 

 

  

Avenida Mendiño, 40

36693 Cesantes(Redondela)

Tlf: 886110590

Fax:886110599

ies.mendino@edu.xunta.es 



page | by Dr. Radut