Visages, villages (Caras e lugares), foi o filme escollido polo Departamento de Francés para unha nova visita ao cinema compostelán Númax o pasado venres, 15 de novembro, xunto cos Dptos de Música, Historia e Educación Física.
O alumnado do segundo ciclo da ESO e de Bacharelato que asistiu á proxección, destacou a orixinalidade deste filme a medio camiño entre documental e ficción, así como o magnetismo da personalidade dos seus protagonistas: a octoxenaria Agnès Varda, unha directora pioneira da Nouvelle Vague que segue en activo, e o artista plástico trintañeiro JR.
A relación de complicidade, á vez entrañable e divertida, entre ambos os dous, chamou a atención do noso alumnado, así como a música do filme e sobre todo as fotografías de gran formato que empapelan as superficies máis inverosímiles, desde fachadas e depósitos de auga ata vagóns de mercancías, galpóns e contenedores.
Especialmente emocionante resultoulles a entrevista coa última moradora dun antigo barrio mineiro, homenaxeada cun inmenso retrato que recubre a fachada da súa casa.
Caras e lugares constitúe un mosaico xeográfico e humano moi singular, que aconsellamos a todas aquelas persoas sabedoras de que o universal non é máis que o local sen paredes.