O alumnado de 4º ESO do IES Martaguisela acompañado polos profesores Aitor Freán, Alberto Pungín e Pilar López participou no programa didáctico “Coñece as túas institucións” que organiza o Parlamento de Galicia o pasado mércores, día 10 de maio de 2023. Esta actividade foi organizada polo Departamento de Xeografía e Historia.
Ás 10:00h da mañá era o turno das instalacións da Xunta de Galicia en San Caetano, que acompañados dunha guía moi atenta nos foi conducindo polas diferentes estancias deste Edificio Administrativo.
O alumnado tivo ocasión de ocupar o asento dos Secretarios Xerais e dos Conselleiros e Conselleiras do goberno galego, pois nestes dous espazos a guía foilles explicando as funcións e as tarefas que desenvolven.
Ás 11:30h era a hora da visita ao Parlamento Galego, nesta ocasión tamén acompañados dunha guía, fomos recibindo explicacións sobre esta institución, a súa composición, as súas funcións e a súa organización. Ademais o alumnado puido acceder á tribuna e presenciar durante uns minutos o pleno que se estaba a celebrar nese momento, onde saíron saudar dous parlamentarios valdeorreses.
Unha vez vistas estas dúas instalacións continuamos a visita compostelá pola Praza do Obradoiro subindo á cuberta da Catedral e o Pórtico da Gloria.