Educación afectivo-sexual amplía a oferta educativa do centro no curso 2020-21
Enviado por admin o Mar, 02/06/2020 - 04:51
A materia Educación afectivo-sexual vén de ser aprobada para a súa incorporación á oferta educativa do centro a partir do próximo curso 2020-21. Poderase escoller como materia de libre configuración de centro en 2º ESO, cunha carga horaria semanal de 1 h.
O deseño e creación desta materia deriva da necesidade de formación sobre a afectividade e sexualidade na adolescencia. A sexualidade forma parte da nosa vida e do noso día a día, presentando dimensións físicas, psicolóxicas, espirituais, sociais, económicas, políticas e culturais. A falta de información e de formación no alumnado convírteo en suxeito vulnerábel ante a coerción, o abuso e a explotación sexual, o embarazo non planeado e as infeccións de transmisión sexual.
Entre os obxectivos de Educación afectivo-sexual destacamos, entre outros, o traballo sobre a diferenciación dos termos que rodean á sexualidade así como o fomento do respecto interpersoal; a axuda na adquisición dos coñecementos, competencias e valores que permitan asumir responsablemente as decisións sobre a súa vida sexual e social nun mundo en constante evolución; e o asesoramento e confianza necesarios no tratamento daquelas dúbidas que lles puidesen xurdir.
Podedes consultar aquí o currículo da materia.