Saltar navegación.
Inicio

Sae do prelo o terceiro volume de Marco Numérico

Marco Numérico é a publicación de investigación matemática do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), onde se recollen traballos realizados por alumnado de ESO e BAC.

O terceiro volume de Marco Numérico acaba de saír do prelo nas difíciles circunstancias provocadas pola pandemia do virus COVID-19. Foi posíbel grazas á implicación do alumnado participante que, mesmo en condicións de confinamento, foi quen de achegar contribucións moi interesantes.

A publicación (de periodicidade anual e xurdida no curso 2017-18 a iniciativa do Departamento de Matemáticas do IES Marco do Camballón) quere recoller traballos de investigación realizados por alumnado de secundaria e bacharelato de centros de ensino galegos que teñan as matemáticas como eixo central. Os traballos, suxeitos aos estándares de rigor e forma propios do ámbito académico, deben ser orixinais en canto á metodoloxía empregadas, coidar a formulación e contraste de hipótesis e a elaboración de conclusións propias. A temática dos artigos é libre, podendo abordar asuntos de interese social e ecolóxico como outros especificamente asociados ao eido da investigación matemática ou numérica.

Os traballos incluídos neste número son os seguintes:

- O salto atlántico. Migracións interiores en Galicia (2000-2018).

- Igualdade de xénero na política.

- Eficacia probabilística do test de primalidade de Miller-Rabin.

- Intervalos preditivos na detección de muóns.

- O teorema dos números primos. Unha estimación da distribución.

- Sobre a distribución de números primos. Un patrón de repulsión.

- Sobre a distancia entre números primos. A conxectura de Andrica.

- Lei de Benford en xeradores de congruencia lineal (LCG).

- O fractal de Bransley. Un fento caótico?

 

O presente número conta ademais cun limiar de Cibrán Arxibai, profesor de matemáticas e responsábel do espazo web Carta Xeométrica.

Ver texto íntegro do volume III