Saltar navegación.
Inicio

Tales no Camballón Films estrea producións de inverno

A produtora matemática Tales no Camballón Films vén de estrear os novos traballos realizados durante estes meses do curso 2017-18. Os proxectos son ben interesantes e desde a produtora amosamos a nosa satisfacción polos resultados.

O alumnado de 4º ESO está a desenvolver o proxecto audiovisual “A volta ás mates en 80 días”. Seguindo os pasos de Phileas Fogg na súa Volta ao mundo en 80 días, queremos coñecer as contribucións ás matemáticas que se deron nalgúns dos países polos que pasa o protagonista da célebre novela de Jules Verne. Iniciamos a viaxe en Gran Bretaña cara a Oriente, América e regreso final a Europa tras completar a volta ao mundo. Nestes momentos presentamos a primeira parte do proxecto, con paradas nas matemáticas de Gran Bretaña, Italia e Exipto. No segundo trimestre completaremos o percorrido con India, China, Xapón e EEUU. Velaquí podedes os resultados das nosas primeiras viaxes:

- Gran Bretaña. Ligazón

- Italia. Ligazón

- Exipto. Ligazón

Os proxectos de 1º BAC xiraron sobre dúas cuestións ben diferentes. O alumnado da opción de Ciencias Sociais realizou un coidado traballo a partir da relación entre as matemáticas e a socioloxía. Podedes velo premendo nesta ligazón. O alumnado da opción Científico-Tecnolóxica centrou os seus proxectos en indagacións sobre a natureza do infinito, a partir de tres contos de Jorge Luis Borges onde se nos convida a pensar sobre iso a través de fermosas imaxes literarias. Estes son os traballos:

- “O libro de area”. Ligazón

- “O disco”. Ligazón

- “A biblioteca de Babel”. Ligazón

Xa estamos a pensar nos proxectos do seguinte trimestre, pero aínda non podemos adiantar nada. Iso si, agardamos que os resultados continuen nas liñas creativa e matemática marcadas por estes.