Saltar navegación.
Inicio

As mámoas do Camballón recuperan visibilidade

Un logro máis do IES Marco do Camballón: o xacemento megalítico do Camballón será obxecto de intervención.

Hai catro anos o IES Marco do Camballón iniciou un proceso de posta en valor das Mámoas de Oirós, a través do proxecto "Palabras de Pedra", un proceso de normalización lingüística e participación social para dar a coñecer un dos xacementos megalíticos máis importantes de Europa. Naquela altura, a maioría do alumnado descoñecía a importancia desta necrópole megalítica.

O Clube da Lingua coordenou neste catro anos múltiples actividades nun proceso planificado inicialmente a tres anos, e posteriormente a cinco anos, no que se impulsaron actividades para que alumnado e veciñanza das Cruces, e do resto do país, coñecese as mámoas de Oirós. 

Conferencias, excursións a pé e en bicicleta, conferencias de astro-arqueoloxía, un xogo de geocaching, un tema musical do rapeiro Gamy, excursións ao Museo de Pontevedra, o lanzamento do libro Mámoas de Oirós de Ramón Taboada, elaboración dun Mapa das Lendas dos Tesouros de Vila de Cruces e mesmo a celebración dun Congreso de Arqueoloxía en Oirós, entre outras actividades, mantiveron estes anos a atención sobre o que foi o primeiro campo de mámoas excavado na historia da arqueoloxía galega moderna, nos anos 70 do pasado século.

Onte fíxose público que o concello das Cruces e CADO Arqueoloxía, através da Iniciativa Xove da Xunta, farán unha intervención de posta en valor e socialización dos bens das mámoas de Oirós. 

Desde o Clube da Lingua queremos compartir a alegria desta noticia con toda a xente que colaborou na posta en valor da necrópole de Oirós: veciñanza de Oirós e das Cruces, xente do mundo da arqueoloxía e da sociolingüística, a Asociación Cruceiro Rock, profesorado, alumnado e familias do IES Marco do Camballón e muita outra xente que, desde o escritor Xosé Neira Vilas até os arqueólogos Beatriz Comendador ou David Abella, colaboraron no proxecto Palabras de Pedra. 

A satisfacción do Clube da Língua é maior por canto un dos arqueólogos que van participar no proceso de posta en valor, Victor Garcia Piñeiro, é ex-alumno do IES Marco do Camballón,  integrante no Grupo Cado Arqueoloxía, que coordinará a intervención de acondicionamento da necrópole  e divulgación dos seus bens patrimoniais. 

Desde o Clube da Lingua alegrámonos de que o traballo de todos estes anos, que continuará  nunha nova fase, comece a dar os seus froitos, coa sensibilización das administracións. Alegrámonos de que a educación se abra á sociedade e que profesorado e alumnado consigan ser motor de transformación social.