Saltar navegación.
Inicio

II Encontro Regueifesta

O vindeiro venres 12 de maio terá lugar no Auditorio de Galiza, en Santiago de Compostela, o   “II Encontro Regueifesta” de improvisación oral en verso, a partir das 10.30h.
 
O Proxecto Regueifesta  é un proxecto inovador que está a impulsar a improvisación oral en verso -valores, aprendizaxes e novas normas socio-culturais- no ambito educativo. O seu obxectivo é impulsar  un proceso de transformación a través da lingua, a música e valores de xustiza social, desde a dimensión lúdica da regueifa, e implicando a comunidade educativa e múltiples axentes sociais.
 
Regueifesta desenvolve un proceso de participación para a normalización lingüística, impulsando dinámicas de activismo no ámbito educativo, desde o protagonismo do alumnado, profesorado e comunidade educativa e vinculando a escola co movemento social. 
 
O Proxecto está a ser impulsado, inicialmente, polos institutos de Baio e As Cruces. No Encontro Regueifesta do vindeiro 12 participarán 20 centros de ensino de Compostela e do resto da Galiza. Así mesmo, tamén chegará o IES de Arratia, desde o País Vasco, para participar no segundo intercambio educativo Regueibertso de improvisación oral. 
 
Xa está confirmada a asistencia de 1000 estudantes que encherán as butacas do Auditorio da Galiza. No palco participarán regueifando Alba Maria e Josinho da Teixeira, o alumnado do IES de Viana do Bolo animaranos co seu folión, o grupo VintenBaio do IES de Baio presentará o seu disco “Ainda queda xera”, o alumnado do IES Antón Fraguas porá a bailar a todo o auditorio coa súa proposta musical e o alumnado do IES de Arratia improvisará bertsos (a expresión vasca da improvisación oral en verso). 
 
Ademais, a Regueifesta presenta a nova fornada da regueifa: Xairo de Herbón, Esther das Luras, Noa de Capón, Nuria das Cruces, Lorena Medela e Xandro de Baio. 
 
Terá lugar tamén a entrega de premios do “I Certame Enreguéifate”, impulsado polo Departamento de Lingua do Concello de Santiago, co obxectivo de dar a coñecer o repente galego entre a xente nova. A artista Lidia Botana, Bolboreta, tamén actuará na Regueifesta como madriña do evento, presentando o tema “Boina e Txapela”, himno do proxecto deste ano. 
 
A Regueifesta continúa a súa celebración pola tarde, no Centro Xove da Almáciga, co I Festival “Boina e Txapela”, unha festa musical de freestyle, rap e rock que contará coa participación de Garcia MC e DJ Mil, Moudafaca e Gato Persa, Lidia Botana e, desde Euskal Herria, Radio Revolución e que terá un tempo para micro aberto e improvisación de quen queira participar. Este festival terá lugar a partir das 19.00h. 
 
A Concellaría de Educación e o Departamento de Lingua do Concello de Santiago, a Vicepresidencia da Deputación da Coruña e a Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza son as tres entidades públicas que colaboran no Encontro Regueifesta e no Festival Boina e Txapela.