O alumnado de FP Básica presenta o proxecto “a miña horta é a túa”
O pasado mércores 4 de maio, aproveitando que foi día de feira na nosa vila, o alumnado de FP Básica acudiu á praza do concello para presentar o proxecto “a miña horta é a túa” promovido pola Fundación Baiuca Verdescente. O alumnado participou no deseño e organización deste acto en colaboración coa fundación, no que se presentou este proxecto á poboación do concello.
O proxecto “a miña horta é a túa” leva anos funcionando no concello de Silleda e pretende espallarse a outros concellos da Comarca do Deza. O seu obxectivo é recoller os excedentes de produción das hortas particulares e doalos, como produtos frescos, a persoas que o precisan ou que sexan usuarias da recollida de alimentos.
Para isto, o alumnado realizou unha campaña de captación de “hortas voluntarias” pedindo a colaboración da veciñanza que acudiu á feira para que colaboren doando os seus excedentes de produción. Ao mesmo tempo, tamén se procuraron persoas voluntarias para a recollida de alimentos nas distintas hortas colaboradoras.
Finalmente, o alumnado presentou o proxecto no centro aos distintos grupos de alumnado animando aos seus compañeiros a participar no mesmo dunha forma solidaria.