Saltar navegación.
Inicio

Premios extraordinarios de Bacharelato.Curso 2021-2022

A Consellería ven de publicar esta semana a Orde do 31 de marzo de 2022, pola que se convocan os premios extraordinarios do Bacharelato, correspondentes ao curso 2021/2022. A finalidade dos mesmos é recoñecer e valorar os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou a etapa cun excelente resultado académico en Galicia. 

 

Requisitos: 

  • Ter rematado os estudos de bacharelato no curso 2021-2022 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia e ser proposto para título na convocatoria ordinaria do dito curso.
  • Ter obtido unha cualificación final media nos dous cursos de bacharelato igual ou superior a 8,75 puntos. (A nota media calcularase de acordo co establecido na disposición adicional quinta do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo de ESO e Bacharelato en Galicia.

 

Prazo de presentación de solicitudes:

Do 26 de abril ao 22 de maio de 2022.

 

Procedemento para a solicitude:

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática PremiosEdu (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou directamente desde a propia aplicación PremiosEdu. 

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

 

Alumnado con necesidades educativas especiais: 

As persoas aspirantes con necesidades educativas especiais deberán facer constar a dita circunstancia na solicitude para que se poidan valorar as medidas de adaptación que se consideren necesarias e deberán achegar a documentación que acredite tal condición.

 

Consulta do listado de alumnado admitido na proba: 

A relación de alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polas persoas candidatas publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.gal/premiosedu.

Poderase solicitar información no enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal

 

Realización da proba para a obtención do premio: 

O alumnado deberá realizar unha proba presencial que terá carácter único en todo o territorio da Comunidade, que terá lugar de forma simultánea nas distintas sedes. A proba estrutúrase en dúas partes

1) Primeira parte, que se desenvolverá en dúas horas. Inclúe:

  • Análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario.
  • Resposta a cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na Primeira Lingua Estranxeira II cursada polo alumnado como materia xeral do bloque de materias troncais do bacharelato. O exercicio realizarase sen dicionario no idioma correspondente. 

2) Segunda parte, que se desenvolverá nunha hora. Inclúe:

  • Desenvolvemento de temas, respostas a cuestións e/ou exercicios prácticos dunha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado para elixir entre as seguintes: Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II ou Fundamentos da Arte II.

Data da proba: 

A realización da proba terá lugar o día 23 de xuño de 2022 e realizarase nos lugares e no horario que se darán a coñecer mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https:// www.edu.xunta.gal)


Número e características dos premios: 

Concederanse un máximo de 20 premios, cada un deles dotado con 1000 €. Os premios extraordinarios de bacharelato son compatibles con calquera outro premio, incluídos os premios nacionais de bacharelato.

O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá, ademais da contía económica, un diploma acreditativo. A distinción de obter premio extraordinario farase constar nas certificacións académicas que se emitan.

O alumnado que obteña o premio extraordinario de bacharelato poderán concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional.

O alumnado que obteña o premio extraordinario de bacharelato poderá estar exento, durante o primeiro ano e por unha soa vez, do pagamento dos prezos públicos por matrícula no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público.


 Máis información na ligazón.