O IES Marco do Camballón organiza o III Encontro Feminista
Co gallo do 8M, o IES Marco do Camballón promove o III Encontro Feminista. Con este evento, o centro quere propiciar espazos de debate sobre o conflito de xénero.
No acto, desenvolverase un coloquio sobre a situación da muller no mundo audiovisual. Contaremos coa participación das actrices Mariana Fernández Pérez (docente na ESAD), Camila Bossa e Isabel Blanco. O coloquio estará moderado por alumnado de Iniciación ao debate, de 1º BAC.
Tamén terá lugar a entrega do Premio Juana López Elizagaray pola igualdade. Con esta iniciativa, o centro quere recoñecer o traballo a prol da igualdade desenvolvido por persoas, colectivos ou institucións do ámbito local. Nesta convocatoria, as premiadas son María Dolores Celsa Sánchez Barral, taxista en Vila de Cruces, e Montserrat Sanmartín Gómez, profesora no noso centro.
Pechará o evento un concerto do grupo DE VACAS.
A convocatoria deste curso recupera o formato presencial. Celebrarase o 15 de marzo no Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces.