Comeza o Ciclo de Cine e Literatura

A Biblioteca e o club de lectura Retelladores do Galiñeiro organizan, ao longo do curso, un Ciclo de Cine e Literatura. No Salón de Actos do IES Antón Losada Diéguez proxectaranse películas de calidade baseadas en obras literarias. A elección dos filmes correrá a cargo dos membros do Club de Lectura, primando as preferencias do alumnado, e a asistencia é aberta a todas as persoas da comunidade educativa e ás familias. Ao remate da película desenvolverase un coloquio entre os asistentes, que se estenderá tamén ás sesións do Club. Os pases faranse o luns pola tarde, ás 16,45 horas.

Neste trimestre as películas programadas son:

Big Fish, de Tim Burton, o 5 de novembro. Un filme onde a realidade e a fantasía camiñan xuntas, creando historias atractivas e  marabillosa de gran impacto visual. Baseada na novela Big Fish: A Novel of Mythic Proportions de Daniel Wallace (editorial Siglo XXI, en castelán). Entre os seus protagonistas están Ewan McGregor, Albert Finney, Billy Crudup, Jessica Lange, Alison Lohman, Steve Buscemi, Helena Bonham Carter e Danny DeVito. Para todos os públicos.

Pa Negre, de Agustí Villaronga, o 19 de novembro. Gañadora de 9 premios Goya, esta película ambientada na posguerra no campo catalán e moito máis cun filme político sobre a miseria moral da época. Baseada na novela homónima de Emili Teixidor, o director narra, con escenas de gran beleza, o descubrimento dun mundo adulto cheo de falsidade, por parte de Andreu, un neno inocente que se ve obrigado a renunciar aos seus principios morais para sobrevivir. Encabeza o reparto Francesc Colomer, secundado por Laia Marull, Eduard Fernández e Sergi López, entre outros. Para maiores de 12 anos, proxectarase en versión orixinal en catalán, con subtítulos en galego.

O Club de Lectura inicia as actividades neste curso

 

Este martes 30 de decembro regresa o club de lectura: Os Retelladores do Galiñeiro. Reunirémonos na Biblioteca ás 15 horas para informarnos sobre as actividades previstas para o curso, comentar as lecturas do verán e recoller as primeiras lecturas para este curso.

Ademais das reunións quincenais ao mediodía (este trimestre só están previstas tres: o 30 de outubro, e o 13 e 27 de novembro), destinadas fundamentalmente ao alumnado de ESO e Bacharelato, creamos un grupo de lecturas mensuais, que se reunirá o último martes do mes (este trimestre, o 27 de novembro, ás 18,15), e que está pensado para o alumnado de Ciclos, Adultos, familias e profesorado. Os grupos son abertos e se es retellador/a podes asistir ás reunións que queiras, seguindo as lecturas propostas.
Lecturas:
O home que prantaba árbores // El hombre que plantaba árboles, de Jean Giono (obrigatoria para a ESO)
A perla // La perla, de John Steinbeck (obrigatoria para Bacharelato)
El ardor de la sangre, de Irene Némirovsky (lectura mensual, da que disporemos dalgúns exemplares na Biblioteca, para rotar a súa lectura).
CICLO DE CINE E LITERATURA
Ao longo de todo o curso, algúns luns pola tarde, ás 16,45, proxectaremos películas baseadas en obras literarias, para quen queira asistir. Neste trimestre:
- 5 de novembro: Big Fish, de Tim Burton.
- 19 de novembro: Pa Negre, de Agustí Villaronga
 
O 13 de novembro, pola tarde, está programado un encontro, en Cuntis, cos clubs de lectura dos CPIs de Cuntis e de Portas.
Máis información: Na Biblioteca ou no correo: ler.nolosada@gmail.com

ELECCIÓNS DOS MEMBROS DO CONSELLO ESCOLAR

 

Foto do centroA dirección do I.E.S “Antón Losada Diéguez”  quere comunicar a tódolos sectores da comunidade educativa deste centro:

SEGUNDO a resolución do 7 de setembro de 2012, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, polo que se establece o calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares sostidos con fondos públicos.

CONVÓCASE eleccións para renovalos representantes no Consello Escolar de país/nais, mestres/mestras e persoal non docente.

O acto público no que por sorteo, serán designados os membros da XUNTA ELECTORAL, terá lugar na secretaria do centro o vindeiro MARTES 30 de OUTUBRO ás 12:00.  

 

 

                                                            A Estrada, 24 de outubro do 2012

                                                                                    A Dirección

 

Aula de teatro

Este martes 9 de outubro púxose en marcha a Aula de Teatro no noso IES grazas ao entusiasmo  e coñecementos, avalados pola súa experiencia noutros centros educativos, do profesor de Lingua Castelá, Afonso García Penas. A súa iniciativa contou, desde o primeiro momento, co apoio do Equipo Directivo e do Claustro de profesores.

O Teatro é unha ferramenta moi útil para adquirir maior seguridade e autocontrol, desenvolver as capacidades relacionadas coa comunicación e fomentar as relacións interpersoais, entre outras cousas. En definitiva, un recurso didáctico efectivo e atractivo, que non debería faltar en ningún centro educativo.

O alumnado vai ter a oportunidade de acadar e potenciar, a través dunha aprendizaxe práctica, diferentes técnicas vocais, corporais, lingüísticas, literarias e escénicas. No só para as representacións, senón tamén para a vida escolar e social.

A docencia impartirase os martes de 14,45 a 16,15 horas, e nos recreos cando se considere necesario. Debido a alta participación, arredor de 50 alumnos, houbo que facer catro grupos, divididos por idades, que acudirán ás clases cada 15 días.

Están previstas as seguintes funcións:

-   Febreiro ou marzo do 2013, no Teatro Principal de Ourense. Funcións solidarias en beneficio da ONG Meniños.

-       Abril-maio do 2013, na Casa de Cultura de Palas de Rei, dentro da V Mostra de Teatro Escolar.

-       Terceiro trimestre, na Mostra de Teatro organizada polo IES Antón Losada, no Teatro Principal da Estrada.

-       En Idanha A Nova (Portugal); no Teatro Romano de Mérida e en Urueña (Valladolid), funcións enmarcadas nunha viaxe de marcado carácter didáctico.

-       A finais de maio, na VI Mostra de Teatro Escolar de Laxe (TEATRAPA).

-       No Centro da Terceira Idade de Touro.

-       No mes de maio na VII Mostra de Teatro Escolar de Touro.

-       No Festival de fin de curso

A Biblioteca no PLAMBE: A biblioteca, medio de coñecemento activo

A Biblioteca do IES Antón Losada inicia unha nova etapa coa integración da mesma  no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares para o curso 2012/13. Asignáronse un total de 7.300 euros para a transformación da biblioteca nun centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe e favorecer as actividades de fomento da lectura e de educación no acceso e uso da información. En concreto, a axuda distribúese da seguinte maneira: 2.000€ para fondos, 2.500€ para equipos, 2.500€ para mobiliario e 300€ para gastos de funcionamento.


A axuda concedeuse de acordo cun Proxecto de Biblioteca Escolar (ver adxunto), titulado: 'A biblioteca, medio de coñecemento activo'. Neste Proxecto detállanse as actuacións previstas para este curso 2012-2013, que inclúen unha importante remodelación do mobiliario e do espazo da biblioteca (ver debuxo) e un conxunto de actividades de animación e fomento da lectura. Para o desenvolvemento do Proxecto constituíuse un Equipo de Profesores que conta co total apoio do Equipo Directivo e do resto do profesorado. 

Presentación do curso 2012/2013

Consulte a data e hora do acto de presentación do novo curso académico para os distintos niveis educativos. ficheiro pdf

Homenaxe a Margarita Lesta

O Venres 22 de Xuño de 2012 o persoal do IES Antón Losada Diéguez de A Estrada fixo unha sinxela e emotiva homenaxe á compañeira Margarita Lesta Fraga, profesora dese centro desde hai 24 anos e tristemente falecida o pasado 25 de Maio.

Ao acto asistiron tamén familiares e amigos da finada e mesmo antiguos alumnos e alumnas que se formaron neste Instituto e que a tiveron de profesora.

Abriu o acto a Directora saudando aos presentes e dando paso a un coro formado por alumnos e alumnas tocaron dúas pezas musicais mentres se prantaba unha árbore e se descubría unha placa co nome de Marga Lesta. A continuación interviron compañeiras e compañeiros que destacaron a enorme humanidade de Marga, e falaron emotivamente sobre a súa persoa que foi admirada e querida por todos e todas os que a coñeceron. Finalizou o acto súa nai Filomena Fraga que agradeceu o cariño que se lle amosaba á súa filla.