Comeza o Ciclo de Cine e Literatura

A Biblioteca e o club de lectura Retelladores do Galiñeiro organizan, ao longo do curso, un Ciclo de Cine e Literatura. No Salón de Actos do IES Antón Losada Diéguez proxectaranse películas de calidade baseadas en obras literarias. A elección dos filmes correrá a cargo dos membros do Club de Lectura, primando as preferencias do alumnado, e a asistencia é aberta a todas as persoas da comunidade educativa e ás familias. Ao remate da película desenvolverase un coloquio entre os asistentes, que se estenderá tamén ás sesións do Club. Os pases faranse o luns pola tarde, ás 16,45 horas.

Neste trimestre as películas programadas son:

Big Fish, de Tim Burton, o 5 de novembro. Un filme onde a realidade e a fantasía camiñan xuntas, creando historias atractivas e  marabillosa de gran impacto visual. Baseada na novela Big Fish: A Novel of Mythic Proportions de Daniel Wallace (editorial Siglo XXI, en castelán). Entre os seus protagonistas están Ewan McGregor, Albert Finney, Billy Crudup, Jessica Lange, Alison Lohman, Steve Buscemi, Helena Bonham Carter e Danny DeVito. Para todos os públicos.

Pa Negre, de Agustí Villaronga, o 19 de novembro. Gañadora de 9 premios Goya, esta película ambientada na posguerra no campo catalán e moito máis cun filme político sobre a miseria moral da época. Baseada na novela homónima de Emili Teixidor, o director narra, con escenas de gran beleza, o descubrimento dun mundo adulto cheo de falsidade, por parte de Andreu, un neno inocente que se ve obrigado a renunciar aos seus principios morais para sobrevivir. Encabeza o reparto Francesc Colomer, secundado por Laia Marull, Eduard Fernández e Sergi López, entre outros. Para maiores de 12 anos, proxectarase en versión orixinal en catalán, con subtítulos en galego.