NOVAS   BOLSA DE EMPREGO   ACTIVACIÓN ABALAR

Infórmase de que a Dirección Territorial autorizou o  9 de decembro como día non lectivo no centro.

 

 

 

 

 Acceso á bolsa de emprego do Centro Integrado de FP Leixa 

Todo o estudantado debe activarse na aplicación Abalar ou en AbalarMóbil

    SECRETARÍA VIRTUAL    
    ACCESOS RÁPIDOS    
SERVIZOS VIRTUAIS XESTIÓN EDUCATIVA
    LIGAZÓNS DE CENTRO    
INFORMACIÓN E DOCUMENTACIÓN WEBS CIFP LEIXA
    LIGAZÓNS EXTERNAS    
    SERVIZOS EDUCATIVOS    
       
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Novas de FP

Resolución definitiva Programa Talentos Inclusivos 2024-2025

Novas da Consellería - Lun, 28/10/2024 - 09:46
Idioma Gallego

Resolución definitiva do 24 de outubro pola que se fai pública a relación de centros seleccionados para participar na V edición do programa educativo Talentos Inclusivos durante o curso 2024/25, conforme ao disposto na Resolución da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se convoca a V edición do programa educativo Talentos Inclusivos dirixido a centros educativos sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no curso 2024/25.

 

Anuncio principal: 

Programa Educativo Talentos Inclusivos 2024-2025

Tema: 

Información xeral Programas e plans

Ensinanza: 

Educación secundaria obrigatoria Bacharelato Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

Colectivo: 

Profesorado Alumnado

Galicia potencia a súa rede de centros de investigación universitaria cun intercambio de experiencias e aproveitamento de sinerxías co Pais Vasco

Novas da Consellería - Dom, 27/10/2024 - 14:49

Summary: 

Unha delegación integrada por representantes da Xunta, das tres universidades públicas galegas e dos dez centros de investigación da Rede CIGUS participarán esta semana nunhas xornadas en Biscaia sobre o papel que xogan estes centros no eido científico

Idioma Gallego

Galicia potencia os seus centros de investigación universitaria que conforman a Rede CIGUS de excelencia científica cun intercambio de experiencias e aproveitamento de sinerxías con centros de investigación do País Vasco que comezará mañá. 

Unha delegación galega integrada polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, vicerreitores de investigación das tres universidades públicas galegas e representantes dos dez centros de investigación universitaria que integran a 
Rede CIGUS da Xunta participarán durante tres días nunhas xornadas para afondar no papel que xogan estes centros como axentes científicos de primeiro nivel. 

As xornadas, que arrancan mañá luns e se desenvolverán ata o xoves, servirán para que ambas delegacións intercambien experiencias sobre o ecosistema de investigación, a xestión organizativa e científicos destes centros e identifiquen boas prácticas e iniciativas inspiradoras e atopar oportunidades de networking.

O representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP participará na apertura das xornadas xunto co conselleiro de Ciencia, Universidades e Investigación do Goberno Vasco, Juan Ignacio Pérez, e co general manager da Fundación Vasca para a Ciencia Ikerbasque, Miguel A. Arocena.

Dez centros punteiros en Galicia

Os dez centros da Rede CIGUS que participan neste intercambio son pola Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS); pola Universidade de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (AtlantTTic), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM), e pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA).

Na visita ao País Vasco, a delegación galega visitará a Fundación para a Ciencia (Ikerbasque), o Instituto Biofisika- Fundación Biofísica Biskaia, Achucarro Basque Center for Neuroscience, Tecnalia, CICbioGuUne, CIGNanoGUNE, Basque Center on Cognition Brain and Language (BCBL) e Basque Research and Technology Aliance (BRTA).

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta abre o prazo para que os centros educativos participen no concurso sobre as Letras Galegas 2025

Novas da Consellería - Dom, 27/10/2024 - 11:43

Summary: 

Na convocatoria colaboran a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

O certame propón unha exposición que profunde na figura das cantareiras, homenaxeadas na vindeira efeméride, e na poesía popular oral

As solicitudes xa se poden presentar a través da sede electrónica da Administración autonómica ata o 25 de xaneiro do ano que vén

Idioma Gallego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, colaboran unha edición máis no concurso sobre o Día das Letras Galegas dirixido aos centros de ensino público non universitario e que de cara ao ano que vén versará sobre as cantareiras e a poesía popular. Así, a iniciativa convida aos estudantes a elaborar unha exposición centrada na obra, a época e a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviron as mulleres que protagonizarán a efeméride en 2025.

Con esta convocatoria, o Goberno galego pretende impulsar a achega da mocidade a esta manifestación da cultura popular, propoñéndolle que profunden na importancia dos cantos e da tradición oral para a lingua galega ao longo da historia e no labor fundamental das mulleres como transmisoras desta riqueza inmaterial, que vai ser recoñecida na próxima celebración das Letras Galegas.

O certame, que implicará tanto a alumnado como a profesorado nun traballo conxunto, establece dúas categorías: unha para educación infantil e primaria e outra que abrangue a secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial. Deste xeito, ademais de potenciar o estudo da época e propiciar unha reflexión sobre a lingua e a sociedade do momento, enriquecendo o seu coñecemento, os participantes tamén terán un premio económico de 2.000€ por categoría.

As solicitudes xa se poden realizar, ata o 23 de xaneiro do ano que vén, a través da sede electrónica da Administración autonómica, mentres que a información máis completa pode consultarse no Portal da Lingua da Xunta.

Letras Galegas 2025

O ano que vén, con motivo do Día das Letras Galegas, renderase homenaxe ás cantareiras Adolfina e Rosa Casás (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e ás Pandereteiras de Mens, Manuela Lema Villar, Prudencia e Asunción Garrido Ameijende, de Malpica de Bergantiños.

Adolfina (1912-2009) e Rosa (1913-2005) eran tía e sobriña, coñecidas na contorna pola súa arte como cantareiras e tocadoras. Rosa emigrou a Inglaterra nos 60 e nos anos 80 as dúas volveron xuntarse  recobrando o seu xeito de tocar.

Eva Castiñeira (1926-2010) era veciña do lugar de Agranzón en Muxía e cantaba desde pequena nas romerías. Convidada polo grupo Milladoiro, foi a primeira pandereteira en subir a un escenario cun grupo folk, nun concerto celebrado no pavillón de deportes da Coruña.

As Pandereteiras de Mens foron cinco labregas desta parroquia malpicá. Dúas delas (Adela e Teresa) non poden ser homenaxeadas o falecer hai menos de dez anos. Recibirán o recoñecemento Prudencia Garrido (1905-1993) e a súa irmá Asunción Garrido (1915-2007), ademais de Manuela Lema Villar (1913-1993).  Cando algunha xa superaba os 80 anos, viaxaron por Europa e América coa súa música acompañando, a partir de 1972, a Agrupación Folclórica Aturuxo.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta pon en valor o seu compromiso coa educación inclusiva na xornada de formación do profesorado do proxecto ‘Incluídas’

Novas da Consellería - Sáb, 26/10/2024 - 15:59
Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou esta mañá na inauguración da xornada de formación do profesorado Desenvolvemento de habilidades e competencias necesarias para unha práctica educativa inclusiva, impulsada polo seu departamento no proxecto Erasmus+ Incluídas. Neste contexto, puxo en valor “o compromiso sólido da Xunta coa educación inclusiva”. “De feito, temos un dos sistemas máis inclusivos, como indica o propio informe PISA, pero queremos seguir avanzando”, afirmou o conselleiro.

“Con proxectos coma este unimos docentes, inspectores e asesores nunha experiencia de aprendizaxe colaborativa para desenvolver as súas competencias, contribuíndo á mellora da calidade educativa, ao impulso da innovación e fortalecendo a identidade europea e a cidadanía activa”, afirmou.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez felicita á comunidade educativa do Colexio de Ponte Carreira, en Frades, polo seu 50 aniversario

Novas da Consellería - Sáb, 26/10/2024 - 15:56

Summary: 

Este centro leva cinco décadas “funcionando como punto de encontro entre xeracións e familias, onde a formación académica e persoal van da man”, destaca

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, felicitou hoxe á comunidade educativa co Colexio CPI de Ponte Carreira polo 50 aniversario dun centro “que leva cinco décadas funcionando como punto de encontro entre xeracións e familias, onde a formación académica e persoal van da man”, destacou.

Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia puxo en valor a integración do colexio no tecido social do municipio, así como a súa evolución para adaptarse aos novos retos educativos que van xurdindo. “Desexo que o CPI de Ponte Carreira manteña a gran traxectoria que ven construíndo durante todo este tempo, ao servizo das necesidades dos alumnos, sen renunciar á súa aposta pola innovación educativa, pola inclusión e pola sustentabilidade”, dixo.

A celebración do 50 aniversario do centro contou coa participación de membros e exmembros do equipo directivo e docente, alumnos e familias, moitas delas tamén exalumnos do colexio. Ademais dunha visita guiada ás instalacións, a conmemoración completouse cunha festa infantil e música en directo, entre outras actividades.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Un total de 1.250 alumnos benefícianse este outono dos campamentos de inglés da Xunta con apoio de profesorado nativo e gratuítos para as familias

Novas da Consellería - Ven, 25/10/2024 - 20:28

Summary: 

Román Rodríguez destaca a importancia da DigitalWeek para mellorar competencias fundamentais para o futuro como son dixitais e de coñecemento de idiomas

Esta semana participan na estadía alumnos de Boiro, Melide, San Amaro, Moaña, Meaño, Redondela e Vigo

Esta acción engádese á Springweek e as estadías lingüísticas no estranxeiro do verán que desenvolve o Goberno galego

Idioma Gallego

Un total de 1.250 alumnos de toda Galicia participan este outono nos campamentos de inglés Dixitalweek da Xunta de Galicia, que son totalmente de balde para as familias. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, puxo en valor este tipo de iniciativas para achegar, desde unha perspectiva práctica, aos rapaces a dúas das habilidades que máis van necesitar para o seu futuro: as competencias dixitais e as de comunicación en linguas estranxeiras.

Acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe aos alumnos que están participando na estadía, unha acción dirixida a rapaces de 6º de Primaria e os catro cursos da ESO que se desenvolve en quendas dunha semana de duración entre outubro e decembro e que conta co apoio de profesorado nativo en inglés.

O titular do departamento educativo da Xunta puxo en valor este tipo de iniciativas para achegar, desde unha perspectiva práctica, aos rapaces a dúas das habilidades que máis van necesitar para o seu futuro: as competencias dixitais e as de comunicación en linguas estranxeiras.

Tal e como explicou o conselleiro, estas estadías enmárcanse en dúas das principais follas de ruta en materia educativa da Xunta, a Estratexia galega de linguas estranxeiras, Edulingüe2030, e a Estratexia para a Educación Dixital 2030. “Traballamos en políticas educativas que favorezan a igualdade de oportunidades no acceso a este tipo de experiencias, cuxo custo asume a Xunta de Galicia, coa finalidade de mellorar as competencias fundamentais para o desenvolvemento do alumnado”, afirmou o conselleiro.

Actividades prácticas

Esta semana gozan da estadía 94 alumnos de 6º de Primaria de sete centros educativos, en concreto dos colexios CEIP Plurilingüe Praia Xardín (Boiro), CEIP de Melide Nº 1 (Melide), CEIP Plurilingüe Lansbricae (San Amaro), CEIP Plurilingüe de Tirán (Moaña), CEIP de Coirón-Dena (Meaño), CEIP Plurilingüe da Igrexa-Chapela (Redondela) e CEIP Plurilingüe Paraixal (Vigo).

Durante a estadía, os rapaces participan en tres obradoiros diarios, en horario de mañá e de tarde, con actividades de robótica, deseño e impresión 3D, así como elaboración e deseño de páxinas web. Todos os obradoiros desenvólvense en lingua inglesa e de xeito maioritariamente práctico.

O alumnado comparte talleres cos outros centros educativos o que garante, ademais, a socialización entre o alumnado nesta lingua estranxeira.

QUENDA

DATAS

CURSO

1ª quenda

6-12 outubro 2024

6ºEP

2ª quenda

13-19 outubro 2024

6º EP

3ª quenda

20 – 26 outubro 2024

6º EP

4ª quenda

27 outubro- 2 novembro 2024

1º de ESO

5ª quenda

3 – 9 novembro 2024

2º de ESO

6ª quenda

10 – 16 de novembro 2024

3º de ESO

7ª quenda

17 – 23 novembro 2024

4º de ESO

8ª quenda

24 - 30 novembro 2024

3ºe 4º  de ESO

9ª quenda

1 – 7 decembro 2024

1º e 2º de ESO

10ª quenda

8 – 14 decembro 2024

6º de  EP

Tres estadías ao curso

Desenvolvida no outono, a Digitalweek é a primeira das estadías para a mellora das competencias lingüísticas que o departamento educativo da Xunta vai organizar ao longo deste curso 2024/2025. A Springweek, tamén co apoio de docente nativos e para alumnos de 6º de Primaria e os catro cursos da ESO, chegará na primavera, centrada en temáticas de interese cultural, social, artístico e ambiental.

Finalmente, a Consellería convoca todos os anos as estadías lingüísticas do verán, para alumnado de Bacharelato, nas que o Goberno galego subvenciona entre o 92% e o 62% do custo das estancias dos estudantes en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta recoñece a excelencia de 23 titulados de FP de grao superior cos premios extraordinarios

Novas da Consellería - Ven, 25/10/2024 - 12:04

Summary: 

Os galardóns, dotados con 1.000€ por persoa, teñen como obxectivo premiar o traballo e os bos resultados académicos destes alumnos

Enmárcanse dentro das diferentes accións que leva a cabo a Xunta para a posta en valor e fomento da excelencia dentro do sistema educativo galego

Idioma Gallego

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional vén de recoñecer a 23 titulados de FP de grao superior, a razón de un por cada unha das familias profesionais, a excelencia a través dos Premios extraordinarios de grao superior para o alumnado que rematou os seus estudos no curso 2022/2023.

O obxectivo deste galardóns, que cada ano convoca a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, é recoñecer publicamente o esforzo e traballo dos estudantes de Formación Profesional de grao superior en Galicia que obtiveron excelentes resultados académicos. Os premios extraordinarios enmárcanse dentro das diferentes accións que leva a cabo a Xunta para fomentar e poñer en valor a excelencia dentro do sistema educativo galego. De feito, para optar a estes recoñecementos os estudantes debían contar cunha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,5 puntos, entre outros requirimentos.

A dotación orzamentaria para estes premios é de 23.000 euros que se distribúen entre os galardoados na contía de 1.000 € por alumno. Ademais, a obtención destes premios dálle dereito ao alumnado a concorrer, logo de inscrición, ao correspondente Premio Nacional de Formación Profesional de grao superior.

Os premiados son os que se relacionan na seguinte táboa:

Galardoado

Familia profesional

Provincia

Concello

Centro educativo

Daniel Villasenín

Actividades físicas e deportivas

A Coruña

Culleredo

CIFP Universidade Laboral

Borja Bastero

Administración e xestión

Pontevedra

Vigo

CPR Vivas

Daniel Fernández

Agraria

Lugo

Mondoñedo

IES Plurilingüe San Rosendo

Estefanía Sánchez

Artes gráficas

A Coruña

Ferrol

CIFP Leixa

Nikol Soto

Comercio e márketing

A Coruña

A Coruña

IES Ramón Menéndez Pidal

Jorge Fraga

Edificación e obra civil

A Coruña

A Coruña

CIFP Someso

Antonio Mourelle

Electricidade e electrónica

A Coruña

Culleredo

CIFP Universidade Laboral

Martín Castro

Enerxía e auga

A Coruña

Culleredo

CIFP Universidade Laboral

Javier Suárez

Fabricación mecánica

A Coruña

Ferrol

CIFP Ferrolterra

Yasmina Conde

Hostalaría e turismo

Ourense

Vilamarín

CIFP Vilamarín

Daniel Souto

Imaxe e son

Pontevedra

Vigo

CIFP Audiovisual de Vigo

Celsa Negreira

Imaxe persoal

A Coruña

Santiago de Compostela

CPR Reyblanc

Adrián Abelaria

Industrias alimentarias

Lugo

Sober

CPR Belarmino Fernández Iglesias

Diego Sierra

Informática e comunicacións

Pontevedra

Vigo

CPR Daniel Castelao

Ricardo Pereira

Instalación e mantemento

A Coruña

Santiago de Compostela

CIFP Politécnico de Santiago

Macarena Casteleiro

Madeira, moble e cortiza

A Coruña

Santiago de Compostela

CIFP Politécnico de Santiago

Diego José Posada

Marítimo-pesqueira

Pontevedra

Vigo

Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico

Ana Pérez

Química

Lugo

Lugo

IES Lucus Augusti

Iria Seijas

Sanidade

A Coruña

Santiago de Compostela

CPR Fesán

Marta González

Seguridade e ambiente

Pontevedra

Ponteareas

CIFP A Granxa

Amanda Villamar

Servizos socioculturais e á comunidade

A Coruña

A Coruña

CPR Castelao

José Luis Abella

Téxtil, confección e pel

A Coruña

A Coruña

CIFP Paseo das Pontes

Diego Portos

Transporte e mantemento de vehículos

A Coruña

Curtis

IES de Curtis

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

O conselleiro de Educación destaca as oportunidades da internacionalización nas ensinanzas de réxime especial

Novas da Consellería - Ven, 25/10/2024 - 11:55
Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia,  Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, inaugurou hoxe as III Xornadas para o profesorado de ensinanzas de réxime especial no Conservatorio Profesional de Música de Santiago. Neste evento, destacou as oportunidades que ofrece a internacionalización para mellorar a calidade educativa, facendo fincapé na importancia de “desenvolver iniciativas que abran as ventás globais e enriquezan a formación tanto do alumnado como do profesorado.” 

As xornadas, que se prolongarán ata mañá, 26 de outubro, contan con 80 participantes e máis de 20 convidados procedentes de centros de ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas. Esta edición céntrase en coñecer os proxectos internacionais, capacitar aos asistentes para deseñar e solicitar o programa Erasmus e impulsar a mobilidade e colaboración educativa. As conferencias abordarán diversas temáticas de interese mediante relatorios individuais, mesas redondas e obradoiros en grupo.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez sinala nas xornadas da Academia Joven de España o carácter fundamental da investigación universitaria para o futuro

Novas da Consellería - Ven, 25/10/2024 - 11:50
Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da cuarta xornada da Academia Joven de España 2024, que aglutina a expertos da investigación para poñer sobre a mesa o traballo neste campo e cara onde camiña. “Para acadar un futuro prometedor é fundamental contar cun sistema de investigación, transferencia e desenvolvemento forte e sostible, ligado directamente á Universidade, para o que eventos como o de hoxe son fundamentais”, sinalou o representante da Xunta de Galicia. 

Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o titular de Ciencia puxo en valor o traballo que se fai desde Galicia para ofrecer novas oportunidades ao talento e destacar na excelencia universitaria. “Queremos alimentar as sinerxías entre os centros tecnolóxicos e os de carácter universitario para construír redes que beneficien directamente o tecido produtivo e á cidadanía”, dixo, poñendo en valor tamén “aos axentes clave para este propósito: a Rede CIGUS de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia, que aglutina 10 centros punteiros de universidades galegas; preto de 430 grupos de investigación, os case 200 contratos predoutorais e posdoutorais e os programas de captación de talento como Oportunius”.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Rueda destaca o papel das ensinanzas artísticas no futuro cultural de Galicia e pon en valor a matrícula gratuíta nestas disciplinas académicas

Novas da Consellería - Ven, 25/10/2024 - 11:39

Summary: 

O Goberno galego investiu algo máis dun millón de euros na rehabilitación desta infraestrutura educativa

Salienta a aposta por un modelo educativo de excelencia, cuns orzamentos para este departamento que medran ata superar os 3.000 millóns de euros en 2025

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o importante papel que teñen as ensinanzas artísticas de cara ao futuro cultural de Galicia. Neste sentido, puxo en valor a posta en marcha este curso da matrícula gratuíta nestas disciplinas académicas, do mesmo xeito que nas universidades, o que permite garantir a igualdade de oportunidades e a captación de talento.

Así o resaltou hoxe durante a súa visita á Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón en Lugo, unha das catro institucións destas características que hai en toda Galicia. Na súa visita, puido coñecer o resultado da rehabilitación que se levou a cabo no edificio, na que a Xunta investiu algo máis dun millón de euros para, entre outras melloras, substituír ventás e falsos teitos, ademais de instalar novas caldeiras de biomasa. No acto tamén se fixo entrega de premios extraordinarios e mencións de honra a varios alumnos.

O titular do Executivo galego salientou o compromiso da Xunta por seguir impulsando as ensinanzas artísticas e mellorando as infraestruturas dentro dunha liña de acción prioritaria que busca potenciar a calidade e innovación do conxunto do sistema educativo. Para facelo posible, os orzamentos deste departamento para o próximo ano volven aumentar e superarán os 3.000 millóns de euros.

Neste contexto, Rueda tamén fixo referencia a outras actuacións que se están acometendo dentro do sistema educativo como a mellora de ratios e de condicións do profesorado; a mellora de colexios e institutos -en Lugo, por exemplo, estase tamén traballando na rehabilitación integral do IES Lucus Augusti, cun orzamento global de 3,3 millóns de euros-; ou a aposta polas universidades como polos de innovación e coñecemento, como o Campus Terra, no que se nestes anos se están investindo 4 millóns de euros.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez pon en valor o papel dos Consellos Escolares como pezas clave na toma de decisións e representantes do sentir da comunidade educativa

Novas da Consellería - Xov, 24/10/2024 - 14:03

Summary: 

Fai fincapé na súa importancia para detectar problemas na contorna escolar e coordinar a resolución de conflitos

O encontro céntrase no benestar emocional e a participación no sistema educativo, promovidas en Galicia a través da Estratexia galega de convivencia escolar

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inaugurou esta mañá o XXV Encontro de Consellos Escolares Autonómicos e do Estado, onde puxo en valor o papel destes órganos como “peza clave para a toma de decisións e representantes do sentir da comunidade educativa”. Na inauguración participaron tamén a presidenta do Consello Escolar do Estado, Encarna Cuenca, e o vicepresidente do Consello Escolar de Galicia, Manuel Corredoira.

Aludindo ao tema que centra o encontro, o benestar no sistema educativo, o titular de Educación da Xunta fixo fincapé no labor dos consellos escolares “na detección de riscos ou problemáticas dentro da contorna escolar". “O voso é un traballo de coordinación indispensable para asegurar a estratexia disposta en cada centro para entender a realidade de cada alumno e mellorar a resolución de conflitos”, afirmou.

O conselleiro destacou que o ensino galego conta cunha folla de ruta para velar polo bo clima nas aulas, a Estratexia galega de convivencia escolar 2025, “co obxectivo de promover o benestar emocional do alumnado e contribuír a asegurar un entorno educativo saudable para alumnos e docentes”. No seu contexto sinalou algúns avances, como a publicación dunha Guía de benestar emocional, para fomentar a participación e corresponsabilidade nas aulas, o aprobación do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar.

Terceira vez en Galicia desde 1993

O Encontro de Consellos Escolares reúnese por terceira vez en Galicia e congrega a un cento de representantes dos consellos escolares autonómicos de toda España. As edición galegas de 1993 e 2001 centráronse na dirección dos centros educativos e na convivencia nos centros escolares, respectivamente.

A XXV edición dedícase, a proposta do Consello Escolar do Estado, no benestar e a participación no sistema educativo, baixo o lema Cando a túa participación xera benestar. Ao longo das xornadas de hoxe e mañá, os participantes debaterán e reflexionarán sobre estes asuntos distribuídos en máis dunha ducia de grupos de traballo.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta salienta o labor do Colexio Mestre Ramiro Sabell, en Ponteareas, na construción dunha comunidade lectora máis aló da biblioteca escolar

Novas da Consellería - Xov, 24/10/2024 - 13:34

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participa na inauguración da Biblioteca de Lunares, corazón destas actividades

Entre outras actividades, desenvolven varios clubs de lectura, voluntariado con outros centros escolares e con persoas maiores e encontros con autores

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou esta mañá na inauguración da Biblioteca de Lunares, a biblioteca escolar do Colexio CEIP Mestre Ramiro Sabell de Ponteareas, un espazo que a Xunta apoia a través do Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE), do que forma parte este centro desde o curso 2010/11.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP salientou a variedade de iniciativas desenvolvidas desde a biblioteca do centro ponteareán, que implican a toda a comunidade educativa do concello e mesmo a outras entidades, como os centros de día, promovendo a conformación dunha comunidade lectora máis aló do propio espazo da biblioteca.

Entre outras actividades, a Biblioteca de Lunares desenvolve o clubs de lectura Ratiños literarios (para familias) e Fiúnchos literarios (para mestres) , así como outros centrados no alumnado. Tamén desenvolve iniciativas de voluntariado de lectura que implican a outros centros escolares e a persoas maiores, así como encontros con autores. Ademais do blog A voz de Lunares, a biblioteca do centro difunde as súas actividades a través da conta de Instagram bibliolunares e do podcast Lunares Fala.

Durante o acto de inauguración, os asistentes puideron gozar dun contacontos teatralizado a cargo de alumnado de 4º e 5º de Primaria, dirixidos pola mestra de Música, así como dun vídeo sobre a biblioteca e unha visita guiada polos alumnos voluntarios.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Xunta e Concello de Brión asinarán un acordo marco para a mellora das infraestruturas educativas

Novas da Consellería - Xov, 24/10/2024 - 13:30

Summary: 

O conselleiro de Educación recibe ao alcalde para avaliar futuras actuacións no colexio de Pedrouzos e no instituto

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o alcalde de Brión, Pablo Lago, acordan impulsar a mellora das infraestruturas educativas neste concello cunha serie de actuacións que se plasmarán a través dun acordo marco no que se recollerán as obrigas de cada unha das partes.

Así pois, na reunión de traballo mantida hoxe, o conselleiro e o alcalde acordaron que a Xunta asumirá a contratación dun proxecto de reforma sectorial do Colexio CEIP Plurilingüe de Pedrouzos en base ás necesidades trasladadas polo Concello. Así mesmo, a Xunta accederá á petición de cesión dunha parte da parcela do colexio para a construción dunha dársena de autobuses que mellore o servizo de transporte do alumnado.

No que atinxe ao Instituto IES de Brión, traballarase nun proxecto para a cubrición dos laterais do patio cuberto por parte do Concello mentres que a Xunta se compromete a facilitar o uso compartido de dito patio por parte da administración local fóra do horario lectivo.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Publicación do procedemento para cubrir con carácter provisional postos de traballo de inspección educativa no curso 2024/25

Novas da Consellería - Xov, 24/10/2024 - 08:30
Idioma Gallego

Achégase a Resolución do 16 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca un procedemento para cubrir con carácter provisional postos de traballo de inspección educativa da Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2024/25.

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado PR004A, dispoñible na sede electrónica: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/solicitude-xenerica

A solicitude debe cubrirse indicando o asunto e o órgano destinatario que se indican a continuación:

ASUNTO RELACIONADO:

-Inspectores accidentais.

DESTINATARIO:

-Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

-Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

- A documentación acreditativa de que se posúen os requisitos esixidos para participar de acordo co establecido na resolución de convocatoria deste procedemento, só no caso de que non consten no expediente electrónico da persoa solicitante.

- Unha declaración responsable de que non foi separada/o mediante expediente disciplinario do servizo de calquera administración pública e de non estar inhabilitada/o para o exercicio de funcións públicas.

- Certificado de non ter antecedentes por delitos contra a liberdade e identidade sexual, só no caso de opoñerse expresamente á consulta de datos do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais na solicitude de participación.

O prazo de presentación de solicitudes abranguerá desde o día 25 de outubro ata o día 8 de novembro de 2024, ambos incluídos.

 

File: 

Resolución do 16 de outubro de 2024 (DOG) Resolución do 16 de outubro de 2024 (convocatoria)

Tema: 

Inspección Educativa Destinos provisionais e outros concursos

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Recursos Humanos Servizo de Profesorado de Educación Infantil e Primaria

Colectivo: 

Profesorado

Sección: 

Boletín Portada de boletín

Publicación convocatoria listas de relixión evanxélica (primaria e secundaria)

Novas da Consellería - Xov, 24/10/2024 - 08:05
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca un procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia de relixión evanxélica, nos niveis de primaria (701402) e no nivel de de educación secundaria obrigatoria e bacharelato (702403) (código de procedemento ED003A).

  • Prazo de presentación de solicitudes: desde o venres día 25 de outubro de 2024 ata o día 31 de outubro de 2024, ambos incluídos.

Como cubrir a solicitude de inscrición:

1º. Deben acceder á Sede electrónica a través da seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/portada e cubrir o formulario de solicitude do procedemento ED003A.

2º. Premer na icona “Tramitar en liña”

Lémbrase que para a realización dos trámites electrónicos debe posuír calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola Sede electrónica da Xunta de Galicia (base terceira da resolución de convocatoria).

3º. Siga os pasos indicados: cubrir datos, anexar documentación, asinar e presentar no rexistro e obter recibo.

4º. Lembre que deberá anexar coa solicitude, ademais da documentación establecida na resolución, a xustificación do pagamento das taxas polo que deberá ter realizado o seu pagamento antes de presentar a solicitude na sede.

Non se admitirá ningunha solicitude que non sexa tramitada mediante o procedemento ED003A.

 

File: 

Resolución

Tema: 

Programas e plans Interinidades e substitucións

Ensinanza: 

Educación primaria Educación secundaria obrigatoria Bacharelato

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Recursos Humanos

Colectivo: 

Profesorado

Sección: 

Boletín Portada de boletín

Publicación convocatoria listas de relixión católica (secundaria)

Novas da Consellería - Xov, 24/10/2024 - 08:04
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca un procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia de relixión católica no nivel de educación secundaria obrigatoria e bacharelato (702400), nos centros docentes públicos que dependen desta consellería (código de procedemento ED003A).

  • Prazo de presentación de solicitudes: desde o venres día 25 de outubro de 2024 ata o día 31 de outubro de 2024, ambos incluídos.

Como cubrir a solicitude de inscrición:

1º. Deben acceder á Sede electrónica a través da seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/portada e cubrir o formulario de solicitude do procedemento ED003A.

2º. Premer na icona “Tramitar en liña”

Lémbrase que para a realización dos trámites electrónicos debe posuír calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola Sede electrónica da Xunta de Galicia (base terceira da resolución de convocatoria).

3º. Siga os pasos indicados: cubrir datos, anexar documentación, asinar e presentar no rexistro e obter recibo.

4º Lembre que deberá anexar coa solicitude, ademais da documentación establecida na resolución, a xustificación do pagamento das taxas polo que deberá ter realizado o seu pagamento antes de presentar a solicitude na sede.

Non se admitirá ningunha solicitude que non sexa tramitada mediante o procedemento ED003A.

 

File: 

Resolución

Servizo relacionado: 

Listas de substitucións

Tema: 

Programas e plans Interinidades e substitucións

Ensinanza: 

Educación secundaria obrigatoria Bacharelato

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Recursos Humanos

Colectivo: 

Profesorado

Sección: 

Boletín Portada de boletín

Rueda anuncia que a Xunta convocará en 2025 novas oposicións de educación ata chegar ao máximo da taxa de reposición

Novas da Consellería - Mér, 23/10/2024 - 15:08

Summary: 

Avanza que a oferta de emprego público elevará ata os 20.000 os profesores que se incorporaron ao sistema educativo desde o ano 2009

Indica que Galicia ten un dos mellores ratios entre profesores e alumnos do Estado

Idioma Gallego

O presidente do Executivo galego anunciou que a Xunta lanzará unha nova oferta de emprego público en 2025 que consolidará a plantilla de docentes ata chegar ao máximo da taxa de reposición.

Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia, respondendo a unha pregunta sobre as prioridades da Xunta para resolver os problemas da cidadanía galega en 2025, Rueda sinalou que a Xunta seguirá mellorando o cadro de profesorado do sistema educativo como vén facendo desde o ano 2009 ata chegar ás 20.000 prazas.

Con este anuncio, Galicia esgotará o máximo da taxa de reposición fixada polo Estado, do 120%, e terá a plantilla máis alta que nunca houbo na nosa comunidade. Así, Galicia manterá un dos mellores ratios profesor-alumno do Estado.

Orzamentos 2025

Durante a sesión de control, o presidente da Xunta tamén fixo unha valoración dos orzamentos presentados recentemente polo Goberno galego para o vindeiro ano 2025.

Rueda anunciou que será o maior orzamento co que contou nunca Galicia, nos que “3 de cada 4 euros” están destinados a gasto social, contémplanse rebaixas fiscais, amplíanse as prazas de residencia, contémplanse axudas á conciliación, triplícanse os orzamentos para a vivenda e, en definitiva, axúdase a vertebrar Galicia.

O obxectivo, en palabras do titular do Executivo galego, é acadar unha Galicia “cada vez máis social” e “seguir cumprindo cos galegos”.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta inxectará máis de 16M€ ás tres universidades públicas galegas para a contratación de 166 profesores axudantes doutores

Novas da Consellería - Mér, 23/10/2024 - 15:02

Summary: 

O Goberno galego ten que asumir o 40% das prazas dun convenio imposto polo Ministerio de Ciencia sen negociación coas comunidades autónomas

Este acordo consolidará, ademais, un gasto adicional de 7M€ ao ano a partir de 2031 que terán que asumir as administracións autonómicas sen apoio do Ministerio

Idioma Gallego

Os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, reuníronse esta mañá cos reitores das universidades de Santiago de Compostela, Antonio López; Vigo, Manuel Reigosa, e A Coruña, Ricardo Cao, para informalos dos detalles do acordo para a contratación de profesores axudantes doutores. No encontro participou tamén o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

Tal e como explicaron os representantes da Xunta, o Goberno galego vai inxectar ás tres universidades públicas galegas máis de 16M€ para poder facer fronte á contratación de 166 profesores axudantes doutores que lles impón o Ministerio de Ciencia. Isto malia que as universidades galegas teñen uns dos cadros de persoal máis estabilizados do Estado e que se vén menos beneficiadas por este acordo ca outras que non foron quen de manter unha boa política laboral interna.

O acordo, que se materializará na sinatura dun convenio entre Xunta, cada unha das universidades e o Ministerio, suporá a seguinte distribución de prazas e achega para cada universidade por parte do Goberno galego:

Universidade

Prazas

Orzamento total Xunta

USC

53

           5.284.062€

UVigo

64

           6.290.550€  

UDC

49

           4.780.818€  

 

166

            16.355.430€  

As universidades poderán crear as prazas ata o fin do curso 2027-2028, dado que precisan tempo para publicar as correspondentes convocatorias.

Gasto consolidable de 7M€ ao ano

Os conselleiros lamentaron que finalmente as comunidades autónomas teñan que facer cargo do 40% do importe destas prazas no período 2025-2030, máis tendo en conta que o Ministerio de Ciencia non negociou en ningún momento este programa de contratación de profesorado cos gobernos autonómicos, senón que lles impuxo a porcentaxe que teñen que pagar, que ademais se foi incrementando nos últimos meses, desde o 33% inicial ao actual 40%.  

Destacaron, ademais, que este acordo consolida un gasto adicional de 7M€ ao ano a partir de 2031 para as universidades públicas e, polo tanto, para as administracións autonómicas. O Goberno central non ten ningunha proposta de transferencia de fondos adicionais para facer fronte a este sobrecusto que xeran de xeito unilateral.

De feito, o Ministerio só foi quen de asegurar fondos para a pequena partida que lle corresponde pagar neste ano 2024, deixando o orzamento dos anos restantes, máis de 4,2M€ ao ano ata 2030, sen concretar e á espera da dispoñibilidade orzamentaria do Goberno central.

Cambio das regras do xogo

No mes de abril impúxose ás comunidades autónomas un acordo no que o Ministerio financiaba o 66% das prazas durante seis anos e as administracións autonómicas o restante 33%. Porén, finalmente o Ministerio comprométese só á financiación do 60% das prazas que haberá que convocar e só durante catro meses, deixando no aire como se vai proceder ao pagamento desa porcentaxe no período 2025- 2030. Porén, a través do convenio que se vai asinar, obriga á Xunta a comprometerse a asumir o custo do 40% das prazas ata 2030.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Iniciar sesión

Powered by Drupal - Design by artinet