Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Lingua galega e literatura

Información do departamento

 
Profesorado Programacións didácticas Novas  
       
     
  Blog   
       

Prácticas textuais

O obxecto da materia de Prácticas Textuais é traballar dous bloques fundamentais, presentes en todos os currículos das materias de lingua: “Comunicación oral. Escoitar e falar” e “Comunicación escrita. Ler e escribir”. Mesmo, óptimos, para aproveitar en calquera outra materia.

Escoitar e falar atende ao uso oral da lingua. Na materia vaise traballar este bloque incidindo, sobre todo, na necesidade que o alumnado ten de modelos de fala adecuados para que poidan poñer en práctica a expresión lingüística dentro da aula en contextos sobre todo formais.

Ler e escribir ocúpase da comprensión e produción escrita. O alumnado debe ser quen de entender textos de diferente complexidade e xénero e extraer as ideas explícitas e implícitas do texto co fin de elaborar o seu propio pensamento crítico e creativo. Comprender un texto implica poñer en marcha unha serie de estratexias de lectura que deben practicarse na aula e proxectarse a todas as esferas da vida e a calquera tipo de lectura: ler para obter información, ler para aprender a propia lingua, ler por pracer. Igualmente, a produción escrita implicará buscar para cada situación o tipo de texto adecuando, planificando e redactando, atendendo a aspectos diversos e revisando a escrita final.

A lectura, a escritura e a expresión oral son manifestacións concretas da linguaxe, presentes en todas as prácticas discursivas propias da formación do alumnado. As tres designan accións ou prácticas que ocorren en contextos de aprendizaxe: presentar un exame ou traballo, facer unha exposición na clase, defender unha tese, participar nun debate …

O enfoque práctico desta materia implica que se avalíe, fundamentalmente, o traballo da aula; como é unha materia optativa de 1 hora semanal, tampouco consideramos necesario planificar tarefas para desenvolver fóra dela. A carga lectiva das materias obrigatorias en bacharelato é moi alta e esta optativa está planificada para que desenvolvades competencias que son necesarias e útiles en moitas delas sen esixir ningún tipo de traballo extra.

Nas probas ABAU, as preguntas referidas á comprensión e produción de textos teñen unha ponderación moi alta na cualificación de moitas materias (40% en Lingua Galega); por iso, consideramos que vos pode resultar moi interesante cursala para a vosa formación integral.

Literatura Galega do s. XX e actualidade

A materia que oferta o Departamento de Lingua Galega e Literatura para 2º de BAC é Literatura Galega do s.XX e da Actualidade, é unha optativa de libre configuración autonómica e,, “teoricamente”, non se avalía nas ABAU, pero, tal e como está deseñada a proba, complementa a materia común Lingua e Literatura Galega, que si que é obrigatoria nas ABAU.

O grupo de traballo da materia de Lingua e Literatura Galega está propoñendo un novo modelo de exame para comezar a súa aplicación no ano 2022. O obxectivo é darlle un enfoque máis práctico e menos memorístico, co fin de incentivar a reflexión e actitude crítica.

As indicacións deste grupo de traballo sobre os bloques “Comunicación escrita” e ”Educación literaria” son as seguintes:

 

  • BLOQUE 2. Comunicación escrita. Ler e escribir
    • PREGUNTA 1. Comprensión do texto. Dividida en dous apartados:
      • 1.1.: Resumo / esquema / ideas principais e secundarias / intención comunicativa / tema. (1 punto)
      • 1.2.: Definición de palabras ou explicación de expresións tiradas do texto. / Recoñecemento de elementos cohesivos. (1 punto)
  • BLOQUE 5. Educación literaria (20%)
    • PREGUNTA 5. Educación literaria. Esta pregunta parte dun breve texto literario (narrativo, poético ou teatral), sobre o que o alumnado debe analizar algunhas características representativas do seu autor ou autora. Ademais, preguntaremos tamén por algunha información teórica con respecto a ese mesmo período (contextualización, outros autores ou autoras da época e algunha das súas obras, etc.). (Extensión aprox. 250 palabras)

 

Na materia optativa vanse traballar os temas de literatura, incidindo en dous aspectos: O coñecemento literario, por un lado, e a análise e compresión de textos, por outro; o que vai axudar a afianzar as preguntas sobre comprensión de textos e educación literaria da materia común.

Polo tanto, aínda que directamente non é unha materia avaliable na ABAU, o traballo que se vai desenvolver nela, complementa a materia común, que si que é obxecto de exame.

Distribuir contido


by Dr. Radut